Santiago Álvarez Gómez

05/07/2002  

Fondo persoal de Santiago Álvarez

O Arquivo Histórico da Fundación 10 de Marzo alberga o fondo persoal de Santiago Álvarez.

O fondo foi doado e está composto de 70 caixas que reúnen un total de 15.314 documentos todos eles dixitalizados que nos permiten coñecer a traxectoria vital, profesional e intelectual do dirixente comunista.

No conxunto do arquivo salientan as seguintes series de gran valor para a investigación política e histórica do século XX.

  • 1ª serie de 3 caixas que reúnen os documentos biográficos de Santiago Álvarez, dende os inicios da súa vida política na época da Guerra Civil Española, pasando polos anos da prisión ata a súa actividade política en América Latina.
  • 2ª serie de 6 caixas de escritos de Santiago Álvarez sobre diversas personalidades do ámbito político e cultural.
  • 3ª serie de 5 caixas relativas a documentos sobre a Guerra Civil Española e o exilio republicano.
  • 4ª serie de 28 caixas de escritos e documentos do Partido Comunista, do Movimiento Obrero e da transición política.
  • 5ª serie de 5 caixas relativas a vida política en Galicia, dictadura e transición política.
  • 6ª serie de 16 caixas que reúnen a obra escrita e orixinais dos seus libros.
  • 7ª serie que se compón de 6 caixas de correspondencia ordenadas da A-Z con un total de 1.609 documentos, e 485 autoridades.

A biblioteca compónse de 210 títulos (monografías) de temática principalmente histórico-política, 1 caixa con diversos folletos e 20 títulos de revistas (171 números de ejemplares).

Biografía

Santiago Álvarez Gómez (San Miguel de Outeiro, Vilamartín de Valdeorras, 1913-Madrid, 2002) Fundador do Partido Comunista de Galicia. Nado nunha familia campesiña, tivo que se desprazar dende os quince anos á sega en Castela, labor no que participou ata 1935 e no que tivo as súas primeiras experiencias na conflitividade campesiña.

No mesmo ano en que se afiliou ao Partido Comunista de España (1931), foi elixido secretario xeral do primeiro sindicato de campesiños de Vilamartín, organización adscrita á Federación de Traballadores da Terra da UGT e que, xunta outras organizacións, será o xermolo da Federación Campesiña de Ourense.

Froito da súa actividade político-sindical e como consecuencia das repercusións da Revolución de Outubro de 1934 na zona de Valdeorras, Santiago Álvarez sufriu a súa primeira detención.

Na época da Fronte Popular intensificou a súa actividade política. Dada a importancia que a organización comunista da provincia de Ourense estaba a acadar dentro do PCE, Santiago Álvarez acode por primeira vez a un Comité Central.

Tomou parte na creación da Federación Campesiña Provincial e na campaña a prol do Estatuto de Autonomía de 1936. O alzamento militar do 18 de xullo de 1936 sorprendeu a Álvarez realizando un curso de formación marxista  organizado polo seu partido. Dende ese momento e ata 1939, o que sería fundador do PCG tivo unha directa implicación no desenvolvemento da conflagración, primeiro na creación das Milicias Populares Galegas, despois como comisario político do Exército Popular.

Sempre ao lado de Enrique Líster, participou nas principais batallas da Guerra Civil sen abandonar a actividade política no PCE.

A derrota de abril de 1939 supuxo para Santiago Álvarez, como para milleiros de republicanos, o comezo dun longo exilio que para moitos durou case corenta anos. Álvarez viviu os primeiros anos do seu exilio dedicado ao traballo cos refuxiados en Francia e, despois, en varios países da América Latina.

En 1945 viaxou a España como clandestino e foi detido en Madrid o 25 de agosto do mesmo ano.

Só unha campaña internacional contra o seu fusilamento e o do seu compañeiro Sebastián Zapiraín foi capaz de conmutar a pena capital pola de trinta anos de cadea. Tras o seu paso por varios penais (Alcalá de Henares, Logroño, Burgos), nos que colaborou na organización clandestina do Partido Comunista, saíu libre en 1954 camiño do exilio latinoamericano. Pouco despois, trasladouse a Praga para asistir ao V Congreso do PCE, reunión na que foi elixido membro do Comité Central comunista.

A partir dese momento, as viaxes de traballo para o Partido Comunista foron unha constante na vida de Santiago Álvarez: México, República Democrática de Alemaña, Unión Soviética, Venezuela, etc.

Finalmente, instalou a súa residencia en Europa para se encargar das actividades internacionais do PCE. Participou no ano 1959 no Congreso da Emigración Galega de Bos Aires cunha comunicación sobre os foros. Ao ano seguinte desprazouse a Cuba, onde tomou parte nos actos de homenaxe á

Revolución como comezo dunha xira política por América Latina (Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, México, Uruguai) para establecer contactos coas forzas galegas exiliadas. En 1963 realizou unha campaña polos países do norte de Europa para tentar salvar a Julián Grimau do pelotón de fusilamento.

Foi na década dos sesenta cando se incrementou a actividade cara á Galicia deste político valdeorrés.

Tras acceder ao Comité Executivo do PCE no seu VI Congreso (1960), Álvarez insistiu na necesidade de crear o Partido Comunista de Galicia. Como paso previo, os comunistas galegos fundaron no París de 1966 a revista Nova Galicia, da que Santiago Álvarez foi director. Dous anos despois, a finais de

1968, naceu o Partido Comunista de Galicia (PCG) do que se converteu no seu primeiro secretario xeral, cargo para o que será reelixido en 1973.

En 1975 regresou ilegalmente ao país, o que lle valeu ser detido canda outros líderes comunistas. Tras a legalización do Partido Comunista en abril de 1977, Santiago Álvarez tomou parte na campaña das primeiras eleccións democráticas ás Cortes constituíntes, pero non foi elixido deputado. No III Congreso dos comunistas galegos (1978) abandonou a secretaría xeral do PCG, aínda que seguiu tomando parte na súa vida política así como na do Partido Comunista de España. Porén, dende aquelas datas, a súa actividade camiña fundamentalmente por outras vías, como a organización das homenaxes ás Brigadas Internacionais e, sobre todo, a redacción de numerosos traballos político-biográficos.

A prolongada e intensa vida política de Santiago Álvarez levouno a escribir, individual ou colectivamente, unha gran cantidade de artigos e libros. Entre eles destacan a súas reflexións sobre o problema nacional: Sobre Galicia (1968), Galicia y la lucha por la libertad (1972), Galicia y su problema nacional (1976), Las nacionalidades en España (1978), Galicia, nacionalidad histórica (1980) ou Castelao y nosotros los comunistas (1984). Nas súas páxinas tamén atopamos reflexións sobre El Partido Comunista y el campo (1977), e estudos de carácter histórico: Los comisarios políticos en la Guerra Civil Española (1936-1939) (1988), Las milicias populares gallegas (1989), Memoria da guerrilla (1991), Osorio-Tafall. Su personalidad, su aportación a la historia (1992), Juan Negrín (1994) e Historia Política y Militar de las Brigadas Internacionales (1996).

Os seis volumes das súas Memorias (1985-1997), que abranguen o período que vai dende a súa infancia ata 1983, suman máis de 2500 páxinas que reflicten unha boa parte da vida de Galicia e da España deste século.







Workers of the World é a revista editada pola Asociación Internacional de Folgas e Conflitos Sociais (Strikes and Conflicts International Association), da que é membro fundador e forma parte activa a Rede de Arquivos Históricos de CCOO. Esta revista pretende estimular o estudo do traballo e da conflitividade social dende unha perspectiva global e a longo prazo, transcendendo os enfoque nacionais ou conxunturais e adoptando, aí mesmo, un enfoque crítico e multidisciplinar.

© 2019 Fundación 10 de Marzo Vía Edison, nº 1 - C Polígono do Tambre 15890 - Santiago - Tfno. 981 574 082 - f10m.sn@galicia.ccoo.es