Os problemas dos concellos. O pacto local.

01/01/2009  

A Fundación 10 de Marzo ven de presentar o libro “Os problemas dos concellos. O Pacto Local” editado na colección “Cadernos socioeconómicos de DEZEME”.

Este libro recolle as comunicacións e os debates da Xornada que, con este título, celebrou en Santiago no pasado mes de xuño e na que participaron os autores:  Xoaquín Álvarez Corbacho (Consello de Contas), Antonio J. Ferreira Fernández (Profesor da USC), Santiago Roura Gómez (Secretario Xeral da Consellería da Presidencia), Francisco García Suárez (Alcalde de Allariz e vicepresidente da FEGAMP) e Enrique Fernández González (Alcalde da Pontenova e tamén vicepresidente da FEGAMP).

Neste libro abórdanse diversos análises sobre a situación económica dos concellos, sobre a estrutura municipal, a viabilidade das deputacións provinciais, a necesidade de buscar fórmulas consorciais para poder prestar os servizos que a cidadanía demanda das administracións municipais.
O libro dedica unha atención especial ó acordo sobre o Pacto Local asinado entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias).

En palabras do coordinador desta Xornada, Santiago Lago, na introducción do libro:

“Os concellos galegos enfróntanse a unha serie de problemas e retos que só parcialmente coinciden cos que teñen os concellos do resto de España. Neste marco diferencial, é ben coñecida a asimetría entre a situación dos sete grandes concellos galegos e os máis. Xa que logo, as solucións que deseñemos e apliquemos dende Galicia deben estar adaptadas ás nosas particularidades e á propia disparidade entre municipios. E isto é relevante tanto no eido competencial coma no financeiro. Probablemente non teña moito sentido facer unha descentralización homoxénea de novas competencias cara aos concellos, sen discriminar en función do seu tamaño ou mesmo da súa capacidade de xestión. Do mesmo xeito, a política fiscal local e a propia articulación da xestión tributaria non son independentes do tamaño.
“A discusión no conxunto do Estado sobre o pacto local e a vontade do novo goberno da Xunta de Galicia de afondar na procura de solucións abren unha excelente oportunidade para discutir polo miúdo a política autonómica que atinxe as corporacións locais. Política que debe redefinir tamén os espazos de cooperación supramunicipal. Áreas metropolitanas, mancomunidades e consorcios entre administracións deben ser redefinidos polo miúdo, aprendendo dos erros e fracasos do pasado. Só deste xeito poderemos ter ao cabo unha prestación de servizos eficiente nun mapa municipal tan fragmentado —e ineficiente— como consolidado e difícil de modificar. A cooperación vai ser, xa que logo, a alternativa realista á fusión municipal.”

A edición do libro coincide coa campaña das eleccións municipais. Desde a Fundación 10 de Marzo queremos contribuír ao debate e a reflexión sobre os problemas dos concellos coas aportacións do grupo de expertos tan cualificados como os que participaron na elaboración deste libro.







Workers of the World é a revista editada pola Asociación Internacional de Folgas e Conflitos Sociais (Strikes and Conflicts International Association), da que é membro fundador e forma parte activa a Rede de Arquivos Históricos de CCOO. Esta revista pretende estimular o estudo do traballo e da conflitividade social dende unha perspectiva global e a longo prazo, transcendendo os enfoque nacionais ou conxunturais e adoptando, aí mesmo, un enfoque crítico e multidisciplinar.

© 2018 Fundación 10 de Marzo Vía Edison, nº 1 - C Polígono do Tambre 15890 - Santiago - Tfno. 981 574 082 - f10m.sn@galicia.ccoo.es