INAUGURACIÓN DAS INSTALACIÓNS DA FUNDACIÓN 10 DE MARZO

01/01/2009  

A Fundación 10 de Marzo, un proxecto orientado ao futuro.

03-07-2007.- A Fundación 10 de Marzo inaugurou na mañá do tres de xullo en Santiago de Compostela a súa sede nacional. As novas instalacións localízanse na Vía Pasteur n.º 45-B, no Polígono do Tambre. O acto de presentación tivo lugar ás 12 horas, e nel interviñeron Xosé Luís Méndez Romeu (conselleiro da Presidencia), Xan María Castro (secretario xeral do S. N. de CCOO de Galicia) e Manuel Villares (presidente da Fundación). Ademais dos oradores, entre as autoridades e representantes institucionais estiveron a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón; a directora xeral de Política Lingüística, Marisol López; o director xeral da CRTVG, Benigno Sánchez; o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Santiago, Lourenzo Fernández Prieto; o cantautor Benedicto García Villar ou o catedrático Xesús Alonso Montero.

Das intervencións realizadas, unha frase resume ás claras a esencia da Fundación: «un proxecto, sobre todo, orientado ao futuro». Dicíao o conselleiro da Presidencia, consciente de que o traballo da F10M abrangue desde a recuperación da memoria histórica do movemento obreiro galego ata valorados estudos sobre temas de tanta trascendencia e actualidade como poden ser o pacto local, a reforma do estatuto de autonomía ou os problemas para a adquisición de vivenda.

Xosé Luís Méndez Romeu tamén dedicou ggrandes eloxios ao Arquivo da Historia Sindical de Galicia, aloxado nas instalacións da Fundación, que «marca un fito» dentro dos arquivos documentais galegos.

Sobre o movemento obreiro, o conselleiro da Presidencia matizou que non abrangue só as organizacións sindicais, xa que «a súa historia é tamén a da evolución da actitude dos traballadores, da construción dun pensamento que obedecía a razóns concretas nun determinado momento histórico»; e salientou a importancia do sindicalismo na evolución dos diferentes sectores económicos, xa que se observa como «agroma o pensamento moderno» a través da ideoloxía de esquerdas.

Traxectoria

Pola súa parte, o secretario xeral do Sindicato Nacional de CCOO, Xan María Castro, agradeceu a colaboración dos diferentes departamentos da Xunta de Galicia coa Fundación, e destacou o papel desta como «entidade clave» para a recuperación da memoria histórica e para a conformación dun arquivo amplo sobre a historia sindical galega, e concordou co conselleiro na proxección de futuro da F10M, a súa auténtica razón de ser.

Por último, o presidente da Fundación 10 de Marzo, Manuel Villares Creo, fixo un percorrido pola historia da institución, cando se puña en marcha en 1991 «para recuperar moito material do Sindicato Nacional que corría o risco de se perder». Un segundo paso foi comezar a divulgar os fondos, e neste sentido valorou, valorou moito traballo nos ámbitos socioeconómico e sociopolítico, pero tamén a función didáctica. «Actualmente temos sete exposicións de parte do noso material, e mesmo hai listas de espera de centros de secundaria» que están interesados no material divulgativo, apuntou.

Manuel Villares acabou o seu discurso cos grandes retos que ten por diante a Fundación. O primeiro, darlle cabida física a todos os fondos dos que dispón, «que son moitísimos e cada día chégannos máis». O outro, catalogar e dixitalizar todo o material para facérllelo accesible aos investigadores.

Xerardo Uz







Workers of the World é a revista editada pola Asociación Internacional de Folgas e Conflitos Sociais (Strikes and Conflicts International Association), da que é membro fundador e forma parte activa a Rede de Arquivos Históricos de CCOO. Esta revista pretende estimular o estudo do traballo e da conflitividade social dende unha perspectiva global e a longo prazo, transcendendo os enfoque nacionais ou conxunturais e adoptando, aí mesmo, un enfoque crítico e multidisciplinar.

© 2021 Fundación 10 de Marzo Vía Edison, nº 1 - C Polígono do Tambre 15890 - Santiago - Tfno. 981 574 082 - f10m.sn@galicia.ccoo.es