Xornada sobre "A Lei de dependencia"

01/01/2009  

A creación dun Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD) foi un dos avances sociais de maior calado polo que significa de conquista do estado de benestar da sociedade actual.
A Lei 39/2006 permitiu acceder a este sistema como un dereito dos cidadáns e cidadás de todo o estado en igualdade de condicións, e son as comunidades autónomas as que están obrigadas a prestar os servizos sociais e mellorar aqueles aspectos que, polas súas peculiaridades, coiden necesario adáptalos.
A situación da poboación galega respecto á necesidade puntual ou de longa duración de exercer o dereito a unha atención á súa dependencia empeza a ter cifras alarmantes, que veñen dadas nunha importante parte polo envellecemento progresivo da poboación e, doutra parte, polas necesidades de apoio á poboación menor de 65 anos que require unha formación para se incorporar ao mercado de traballo.
Os axentes que intervimos na posta en marcha do SAAD temos a obriga de aplicar todos os nosos esforzos na creación dun modelo de protección óptimo, que per­mita responder de xeito inmediato á necesidade de cobertura, definindo claramen­te o «límite de entrada» no SAAD e, así mesmo, a contía das prestacións e a intensidade e frecuencia dos servizos de atención.
Seguimos traballando no establecemento da rede de servizos e os criterios para acceder a eles de xeito que, ao longo do desenvolvemento da lei, poidamos ter un Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia estable, dinámico e de calidade.
A necesidade de dar pulo a este debate fai que dende a Fundación 10 de Marzo se convoque esta xornada, na que temos como invitados bos coñecedores do tema para falarmos de todo isto e de calquera outro aspecto relacionado con el.







Workers of the World é a revista editada pola Asociación Internacional de Folgas e Conflitos Sociais (Strikes and Conflicts International Association), da que é membro fundador e forma parte activa a Rede de Arquivos Históricos de CCOO. Esta revista pretende estimular o estudo do traballo e da conflitividade social dende unha perspectiva global e a longo prazo, transcendendo os enfoque nacionais ou conxunturais e adoptando, aí mesmo, un enfoque crítico e multidisciplinar.

© 2021 Fundación 10 de Marzo Vía Edison, nº 1 - C Polígono do Tambre 15890 - Santiago - Tfno. 981 574 082 - f10m.sn@galicia.ccoo.es