Na lembranza de Manolo Amor ...

01/01/2009  

Na lembranza de Manolo Amor ...

Lorena Bustabad, Ferrol

Nun acto cálido e sentido, Ferrol, a cidade natal de Manuel Amor Deus rendiulle o pasado 30 de abril unha homenaxe o que fora o primeiro secretario do Sindicato Nacional de CCOO en Galicia, cando está a piques de cumprirse o primeiro cabodano do seu pasamento, en xuño do 2007.

Foi, sen dúbida, unha merecida homenaxe a Amor tanto pola súa significación na loita sindical como por ter axudado a construir a senda á liberdade que hoxe seguimos todos nós. Militante do Partido Comunista, histórico sindicalista e destacado líder antifranquista, liderou o movemento obreiro na comarca de Ferrol que desembou nos tráxicos sucesos do 10 de marzo de 1972, coa morte de dous traballadores da antigua Bazán, Amador Rey e Daniel Niebla, que supuxo un antes e un despois na loita sindical do noso país e que lembramos cada dez do marzal, no Día da Clase Obreira.

“Polo seu tesón, coraxe e empuxe vital, por ter marcado nosas vidas un camiño de referencia da defensa da clase traballadora: Ferrol, debíalle este acto a Manolo Amor e Manolo merece que o lembremos”  sinalou Auri Vázquez, no nome da Unión Comarcal de Ferrol, “na nosa memoria e nos nosos corazóns, estamos seguros de que así será”.

Mais dun cento de ferroláns: amigos, familiares, camaradas e autoridades institucionais da Xunta e do Concello de Ferrol -entre eles o secretario xeral da Consellería de Traballo, José Vázquez Portomeñe, e o rexidor de Ferrol, Vicente Irisarri Castro-, participaron na cidade no homenaxe a Manuel Amor da Unión Comarcal e a Fundación “10 de Marzo”.

Anécdotas e anacos significativos da súa vida e da súa loita sen tregua, que prolongou ata os últimos días da súa existencia batallando contra o seu derradeiro e mortal enemigo: o amianto, subiron o escenario do Fundación Caixa Galicia en Ferrol da man do su fillo Xermán, do secretario xeral de CCOO en Galicia, Xan María Castro e de Ignacio Toxo, da Executiva Confederal..

Na homenaxe ferrolá,  tamén se proxectaron fotografías do decorrer vital de Amor e fragmentos do acto institucional que o Sindicato Nacional e a Fundación 10 de Marzo celebraron en Santiago de Compostela en Outubro do 2007, traendo de volta a memoria colectiva as lembranzas de Amor Deus nas palabras de José María Fidalgo, secretario xeral de CCOO, e do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño.

Na súa cidade natal, as xentes que o coñeceron e compatiron con él vivencias e experiencias sindicais recollen a testemuña do seu exemplo.  “Temos que decir que del, quédanos todo o moito que aprendimos: o seu compromiso, o sentimento de clase, a súa capacidade incuestionable para o liderazgo, cohesionando, consolidando e unindo ós traballadores” destaca Xulio Abelleira Souto, secretario xeral da Unión Comarcal de Ferrol. “Queremos reivindicar esa mesma sensibilidade, esa enerxía e o  mesmo ánimo para afrontar os problemas, para lidiar coas dificultades que agora é máis necesaria que nunca para complexos procesos de diálogo social nos que estamos implicados” apunta Abelleira.

A nota musical do acto puxeronna as voces e gaitas do Real Coro de Toxos e Froles de Ferrol, que subiron o escenario para enchero salón de actos da Fundación Caixa Galicia de Ferrol cos acordes do Himno Galego co que despediron a “un soldado derrotado dunha causa invencible”.







Workers of the World é a revista editada pola Asociación Internacional de Folgas e Conflitos Sociais (Strikes and Conflicts International Association), da que é membro fundador e forma parte activa a Rede de Arquivos Históricos de CCOO. Esta revista pretende estimular o estudo do traballo e da conflitividade social dende unha perspectiva global e a longo prazo, transcendendo os enfoque nacionais ou conxunturais e adoptando, aí mesmo, un enfoque crítico e multidisciplinar.

© 2021 Fundación 10 de Marzo Vía Edison, nº 1 - C Polígono do Tambre 15890 - Santiago - Tfno. 981 574 082 - f10m.sn@galicia.ccoo.es