“As traballadoras e os traballadores protagonizaron moitas páxinas da Historia. Manuel Barros Fernández foi un deses protagonistas, aínda que o seu nome non apareza nos libros de Historia, e moito menos na capa deses volumes.
Da man da Fundación 10 de Marzo chega ao lector o libro O rapás da aldea. Memorias dun traballador (1918-1976), asinado por Manuel Barros Fernández, un galego que viviu o século xx como traballador. Un século que o marcou porque sufriu unha guerra civil e unha longa ditadura, a franquista. O que nos narra Manuel Barros é todo iso, que non é pouco, pero tamén é moito máis porque nos fala da súa vida, dos traballos e dos días. A súa foi unha existencia difícil, marcada polas dificultades e as enfermidades; pero tamén tinxida polos mellores sentimentos do ser humano. Ao cabo e á conta, as súas Memorias son escaparate da vida cotiá da Galicia que lle tocou vivir.
O rapas da aldea é, xa que logo, un libro pouco frecuente, tanto polo seus contidos como polo seu narrador. Por iso, estou convencido, as Memorias de Barros axudan a desmestar os camiños da historiografía galega. Atrás do seu virán outros testemuños semellantes.
Manuel Barros foi ante todo un traballador, velaí o seu valor. Porque a súa historia é coma a doutras moitas persoas, coma a doutros moitos traballadores que son e serán protagonistas de moitas páxinas da Historia”.
© 2019 Fundación 10 de Marzo Vía Edison, nº 1 - C Polígono do Tambre 15890 - Santiago - Tfno. 981 574 082 - f10m.sn@galicia.ccoo.es