CCOO e a Fundación 10 de Marzo galardoan cos Premios 10 de Marzo a Xosé Gómez, Ángel Cameselle e Yolanda Díaz

04/03/2021  

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia e a súa Fundación 10 de Marzo recoñecerán, cos premios que entregan este ano, as traxectorias e o labor realizado por Xosé Gómez, Ángel Cameselle e Yolanda Díaz. Tres persoas que representan distintas xeracións, como diferente é tamén o seu vínculo co sindicato, pero coa mesma vontade de servir a clase traballadora. O secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, sinalou que, a través dos tres premiados, «queremos facer un recoñecemento ás persoas», pero extensivo ao persoal sanitario, á traxectoria vital de moitas e moitos sindicalistas «que poden mirar con orgullo atrás» polo traballo feito, e ao distinto modelo de xestión fronte a unha crise. O presidente da Fundación 10 de Marzo, Xan María Castro, afondou nos perfís das tres persoas galardoadas, que malia ás diferentes traxectorias comparten moitos puntos en común. Ángel Cameselle, un destacado sindicalista da sanidade que acometeu a complicada tarefa de reestruturar a organización nun sector en que estaba desmantelado e foi medrando ata ser a primeira forza sindical en Vigo. Xosé Gómez, sindicalista ourensán que se afiliou ao sindicato aínda na clandestinidade e desde aquela faría da loita pola clase obreira o eixe da súa traxectoria vital. Yolanda Díaz, avogada laboralista e actual ministra de Traballo, que demostrou que é posible xestionar unha crise desde unha perspectiva social e dialogando coas organizacións sindicais.







Workers of the World é a revista editada pola Asociación Internacional de Folgas e Conflitos Sociais (Strikes and Conflicts International Association), da que é membro fundador e forma parte activa a Rede de Arquivos Históricos de CCOO. Esta revista pretende estimular o estudo do traballo e da conflitividade social dende unha perspectiva global e a longo prazo, transcendendo os enfoque nacionais ou conxunturais e adoptando, aí mesmo, un enfoque crítico e multidisciplinar.

© 2021 Fundación 10 de Marzo Vía Edison, nº 1 - C Polígono do Tambre 15890 - Santiago - Tfno. 981 574 082 - f10m.sn@galicia.ccoo.es