Premios 10 de Marzo 2019: Tensi Álvarez Folgar, Melchor Roel Rivas e Xan López Facal

06/03/2019  

CCOO e a súa fundación (Fundación 10 de Marzo) conceden este ano os Premios 10 de Marzo a Tensi Álvarez Folgar, Melchor Roel Rivas (póstumo) e Xan López Facal. A entrega dos galardóns terá lugar ese mesmo día nun acto que comezará ás 13 horas no centro cultural Torrente Ballester, en Ferrol.

Tensi Álvarez Folgar
 
Hortensia Álvarez Folgar, Tensi, naceu no Montiño, no barrio coruñés da Gaiteira. En 1973, traballando nunha empresa coruñesa de reparación de vehículos, foi cando comezou a militar no Movemento Comunista de Galicia e na rama do metal das Comisións Obreiras, onde contribuiría activamente a fortalecer o sindicato no sector do automóbil ata o seu despedimento, en 1979.

Os anos seguintes continuou o activismo e preparou oposicións, logrando praza en 1988. Pouco tempo antes fora elixida secretaria xeral da Federación da Administración Pública e, durante o seu mandato, negociouse o I Convenio do persoal laboral da Xunta de Galicia, así como a primeira Lei da función pública galega.
No ámbito feminista, promoveu a creación da Secretaría da Muller nas diferentes estruturas do Sindicato e, en 1992, foi elixida primeira secretaria da Muller de CCOO de Galicia.

Entre 1996 e 2009 encargouse da Secretaría nacional de Saúde Laboral, na que realizou un gran labor. Un dos principais éxitos foi a creación do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral, o coñecido ISSGA.
Actualmente forma parte da Executiva comarcal do sindicato na Coruña, amais de manter o seu activismo sindical e político.



Melchor Roel Rivas

Melchor Roel Rivas naceu en 1954 en Mugardos, na comarca de Ferrol. Con todo, pasou boa parte da súa vida no Uruguai, emigrado co pai e a nai. Xa ben mozo, militou no Partido Comunista do país suramericano. Este compromiso social e político levouno ao cárcere con só 18 anos. Tres anos despois (1975), a ditadura uruguaia deportouno a España.

De volta a Mugardos, fixo un labor salientable a prol da articulación do Partido Comunista. A loita sindical e política levouno a Viveiro, Lugo e novamente a Viveiro, localidade que foi fundamental na súa vida.
Con só 24 anos, foi delegado ao primeiro Congreso do Sindicato en Galicia, no ano 1978, e resultou elixido membro da primeira Comisión Executiva Nacional. Posteriormente tivo responsabilidades noutros ámbitos sindicais, tanto na comarca da Mariña como na antiga Federación de Servizos e Administracións Públicas.

Tras varios anos entre Galicia e Madrid, en 2003 instalouse definitivamente en Viveiro, onde intensificou o seu labor político. Ese ano presentouse ás eleccións municipais encabezando as listas do PSdeG-PSOE, como candidato independente, logrando a Alcaldía tras vinte anos de goberno conservador. Revalidou o cargo nas seguintes eleccións, tanto no 2007 como no 2011, e dirixiu o goberno local ata o seu falecemento, en decembro do 2013.


Xan López Facal

Xan López Facal naceu en Toba (Cee) en 1940. Logo de cursar o bacharelato e o selectivo de Ciencias en Santiago, Xan vai para Madrid a estudar Enxeñería industrial, rematando a década dos cincuenta. Alá toma contacto coa mocidade galeguista organizada.

Retornado a Galicia, comeza unha intensa actividade profesional. Após as folgas de 1972 en Vigo, marchou a Madrid, onde traballou nalgunhas entidades bancarias. Xan, que comezara a estudar ciencias económicas, deseguida se converteu nun dos mellores expertos na análise económica galega. Posteriormente, impartiu docencia universitaria tanto en economía como en enxeñaría. En 1974 comezou a traballar en Sodiga, onde ficou ata a súa xubilación.

No eido político, foi dirixente da Asemblea Popular Galega, desde onde pasou ao Partido Obreiro Galego. Foi deputado do Parlamento Galego polo Partido Socialista Galego-Esquerda Galega e tamén formou parte da Comisión que redactou o Estatuto de Galicia.

Colaborador habitual de CCOO e a súa Fundación, a súa voz é referencia en parcelas importantes para o desenvolvemento de Galicia. Ten publicados máis dunha ducia de ensaios de temática variada e participou nos principais foros de análise económica cunha perspectiva de país.







Workers of the World é a revista editada pola Asociación Internacional de Folgas e Conflitos Sociais (Strikes and Conflicts International Association), da que é membro fundador e forma parte activa a Rede de Arquivos Históricos de CCOO. Esta revista pretende estimular o estudo do traballo e da conflitividade social dende unha perspectiva global e a longo prazo, transcendendo os enfoque nacionais ou conxunturais e adoptando, aí mesmo, un enfoque crítico e multidisciplinar.

© 2019 Fundación 10 de Marzo Vía Edison, nº 1 - C Polígono do Tambre 15890 - Santiago - Tfno. 981 574 082 - f10m.sn@galicia.ccoo.es