O vindeiro xoves día 22 de novembro o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia celebra os 40 anos do seu primeiro Congreso Nacional

21/11/2018  

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) celebra mañá xoves, en Santiago de Compostela (Cersia), os 40 anos do I Congreso Nacional. Intervirán, entre outros, o secretario xeral, Ramón Sarmiento, o secretario xeral confederal, Unai Sordo Calvo, e o seu antecesor, Ignacio Fernández Toxo. Na celebración tamén estarán presentes os anteriores secretarios xerais de Galicia, Xesús Díaz Díaz, Xan María Castro Paz (Presidente da Fundación 10 de Marzo) e Xosé Manuel Sánchez Aguión.

Programa

O acto conmemorativo iniciarase ás 10:00 no edificio CERSIA. Comezará cun saúdo de Yolanda Martínez Quintián en nome da Comisión Executiva Nacional de CCOO de Galicia. A seguir está previsto un saúdo do alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega Sánchez. Despois será a vez de Ignacio Fernández Toxo, en calidade de delegado naquel I Congreso Nacional.

Tras a intervención de Toxo, proxectarase un vídeo no que se recuperarán imaxes históricas e testemuños de persoas «fundamentais» para comprender o movemento obreiro galego en xeral e o das Comisións Obreiras en particular, apuntan desde a organización do acto.

Cara ás 11:45, unha delegada e un delegado que participaron no I Congreso lembrarán as resolucións aprobadas e procederán á súa lectura íntegra. A seguir, o secretario xeral confederal dirixirá unhas palabras aos presentes. Por último, contras as 12:35, Ramón Sarmiento clausurará o acto.

Breve historia das CCOO

Coa chegada dos fascistas ao poder tras o alzamento militar de 1936, os sindicatos son prohibidos e disoltos e os seus militantes, encarcerados, fusilados e perseguidos. Despois crearíase o sindicato vertical, de afiliación obrigatoria, dirixido pola patronal e os xerarcas do réxime.

Nos anos cincuenta nacen as primeiras Comisións Obreiras, impulsadas pola resistencia antifranquista, fundamentalmente o Partido Comunista. No inicio teñen carácter espontáneo, pois xorden e morren con cada conflito. Na década seguinte, o movemento espontáneo converterase en movemento organizado (1964). A súa crecente importancia intensificará sobre elas a vixilancia e a represión. Declaradas subversivas e ilícitas polo Tribunal Supremo (1967), o Tribunal de Orde Pública dedicará case quince anos (1963-1977) a castigar a súa militancia.

Destaca a detención e condena a longos anos de prisión da Coordinadora Nacional de CCOO —o chamado Proceso 1001— que, aínda que dificulta as mobilizacións, non impide que a partir de 1973 os conflitos colectivos, os paros e as folgas se sucedan en numerosas empresas e sectores de todo o Estado, e que CCOO se consolide e fortaleza como organización.

Legalización e I Congreso Nacional de Galicia

A morte de Franco (20 de novembro de 1975) non significou a legalización automática dos sindicatos, pois houbo que agardar ao 27 de abril de 1977. Os días 2, 3 e 4 de xuño tería lugar en Vigo o I Congreso Nacional de CCOO de Galicia, que elixiu a Manuel Amor Deus (falecido en 2007) como primeiro secretario xeral.

Aprobáronse resolucións en apoio aos traballadores do desaparecido estaleiro Ascón, convocando manifestacións con este fin; e un relatorio sobre «a problemática da muller», ligando a liberación da muller coa liberación da clase obreira e a «loita contra todo tipo de explotación».

A primeira Comisión Executiva Nacional estivo formada polos compañeiros Xesús Redondo Abuín, Xoán Quirós, Xosé María Iglesias, Xosé Díaz Díaz, Eduardo Fernández Pérez, Waldino Varela Martínez, Xan María Castro Paz (que sería tamén secretario xeral anos despois e actual presidente da Fundación 10 de Marzo), Xosé Luís Lobato Martínez, Melchor Roel Rivas, Xoán Carballal López, Manuel Millos, Ramiro Tenreiro Pena, Ángel Salgueiro, Xosé Manuel Fernández Pérez, Xosé María Riobóo Millán, Manoli García Ruiz, Manuel Villares Creo, Ramiro Romero, Xaime Pereira Silva, Begoña Domínguez, Xesús Díaz Díaz (tamén sería secretario xeral), Félix Royo Vicente, Enrique Veira Pino, Aurelio Ledo Estévez, Emilio Rodríguez Calvo, Isabel González, José Sabel, Guillermo Gómez, Margarita Rodríguez, Antonio Fernández, Alexandre Latorre e o xa mencionado Manuel Amor Deus.







Workers of the World é a revista editada pola Asociación Internacional de Folgas e Conflitos Sociais (Strikes and Conflicts International Association), da que é membro fundador e forma parte activa a Rede de Arquivos Históricos de CCOO. Esta revista pretende estimular o estudo do traballo e da conflitividade social dende unha perspectiva global e a longo prazo, transcendendo os enfoque nacionais ou conxunturais e adoptando, aí mesmo, un enfoque crítico e multidisciplinar.

© 2018 Fundación 10 de Marzo Vía Edison, nº 1 - C Polígono do Tambre 15890 - Santiago - Tfno. 981 574 082 - f10m.sn@galicia.ccoo.es