Loita foi o segundo boletín que apareceu con continuidade en Galicia, o primeiro na Coruña, como órgano de expresión de CC.OO. O número 1 sae en decembro de 1972. Pero Loita non foi o único boletín obreiro desta época editado na Coruña; un ano despois da súa aparición saíu a rúa Loita Obreira, que tamén se proclamaba como "periódico de Comisiones Obreras de La Coruña", malia a que o secretariado e coordinadoras de Comisións Obreiras sempre intentaron aclarar que o único órgano de expresión recoñecido por eles nesta cidade era Loita.
Se ben ambos trataban de mostra-la problemática da clase traballadora coruñesa, había profundas diferencias entre as dúas publicacións. En primeiro lugar, o compoñente político que os sustentaba: mentres que arredor de Loita se concentraban basicamente militantes do PCG, PT, PSP e movementos cristiáns, Loita Obreira acolllía principalmente ós do MC e LRC. En segundo termo, CC.OO. e o seu órgano de expresión, Loita, tiñan claro que debían integrarse no Sindicato Vertical e desde dentro conseguir melloras para o mundo obreiro, sen renunciar á loita por fóra da legalidade; sen embargo, as organizacións responsables de Loita Obreira —polo menos ata o ano 1975 en Galicia— eran totalmente contrarias a participar nas eleccións sindicais e entrar a formar parte do Sindicato Vertical.
Gloria García López
ÍNDICE
Sobre a presente edición facsímile, por Gloria García López
Loita: O periódico das Comisións Obreiras da Coruña, 1972-1976. Sobre unha entrevista a Xan María Castro, Gonzalo Porto, Enrique Veira e Manuel Villares, por Gloria García López
Loita Obreira, unha rara corrente obreira, por Redacción de Loita Obreira
Edición facsímile de Loita
Edición facsímile de Loita Obreira
Índice de autores de Loita
Índice de autores de Loita Obreira
© 2019 Fundación 10 de Marzo Vía Edison, nº 1 - C Polígono do Tambre 15890 - Santiago - Tfno. 981 574 082 - f10m.sn@galicia.ccoo.es