Heladio Anxo Fernández Manso (coord.), Imaxe gráfica da Segunda República. Unidade didáctica, Santiago de Compostela, Fundación 10 de Marzo, 2002.

12/11/2002  

A Fundación 10 de Marzo produciu unha nova exposición, Imaxe Gráfica da II República, que pretende mostrar a través de imaxes (fotografías, carteis e humor gráfico) o que foi aquela breve pero intensa época cargada de esperanzas. Este traballo vai acompañado da obra que aquí se presenta, a unidade didáctica do mesmo título.

Imaxe gráfica da II República. Unidade didáctica é un traballo que lle permitirá ó alumnado afondar no coñecemento que a exposición ofrece. Trátase dunha amplísima colección de actividades de moi variada tipoloxía que aspiran a que o alumnado reflexione sobre o que está a mirar: as fotografías, os carteis e as viñetas de humor gráfico, todos eles materiais coetáneos ós feitos que describen. Por esta razón, moitas das actividades están deseñadas para que a imaxe sexa analizada posto que, pola mesma concepción da mostra, é unha fonte de información. Tódolos materiais da exposición están reproducidos, xa que logo, nesta unidade didáctica, que tamén achega novos documentos gráficos e escritos. Imaxe gráfica da II República. Unidade didáctica permite, ademais, traballar tódolos materiais dende un punto de vista unitario porque os exercicios permiten "viaxar" a través dos paneis para relacionar unhas realidades con outras. O mesmo obxectivo pretende a proposta de actividades finais.

A Fundación 10 de Marzo agradece a desinteresada colaboración das persoas que redactaron estes traballos para que o proxecto se fixera realidade: Carmen Alvariño Alejandro, Heladio Anxo Fernández Manso, Xosé Antón García González, Ramón López Facal, José Ignacio Mato Rodríguez, Francisco Antonio Pérez Otero e Susana Trigo Arcos. Do mesmo xeito, desexamos expresa-lo noso agradecemento a Ediciós do Castro e mais á  Fundación Luis Seoane, que nos permitiron reproducir algunhas das imaxes.

Finalmente, agradecémo-lo apoio do Concello da Coruña, sempre interesado na recuperación destas páxinas da nosa Historia. A súa colaboración foi imprescindible para a publicación deste traballo.







Workers of the World é a revista editada pola Asociación Internacional de Folgas e Conflitos Sociais (Strikes and Conflicts International Association), da que é membro fundador e forma parte activa a Rede de Arquivos Históricos de CCOO. Esta revista pretende estimular o estudo do traballo e da conflitividade social dende unha perspectiva global e a longo prazo, transcendendo os enfoque nacionais ou conxunturais e adoptando, aí mesmo, un enfoque crítico e multidisciplinar.

© 2019 Fundación 10 de Marzo Vía Edison, nº 1 - C Polígono do Tambre 15890 - Santiago - Tfno. 981 574 082 - f10m.sn@galicia.ccoo.es