Carme Alvariño Alejandro e outros (2008), Vida cotiá no segundo franquismo. En colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

12/10/2007  

Ao longo de 2006, a Fundación 10 de Marzo puxo en circulación unha nova mostra, Vida cotiá no segundo franquismo, que presenta mediante textos e imaxes os aspectos máis salientables do impacto da ditadura sobre a vida da cidadanía entre 1959 e a morte do xeneral Franco.

Malia que Vida cotiá no segundo franquismo está concibida como unha mostra que ofrece informacións para facer comprensible o período, a exposición é continuación de Vida cotiá no primeiro franquismo. Os paneis da mostra salientan as continuidades pero tamén as transformacións que viviu a nosa sociedade, razón pola cal a estrutura da información non é idéntica á anterior. Algúns aspectos ocupan menor espazo e só se citan para destacar as modificacións respecto á primeira fase do franquismo.

A unidade didáctica que aquí presentamos segue a mesma estrutura da exposición á que acompaña: comeza cunha reflexión sobre a economía - o Plan de Estabilización de 1959 é o que marca a división do franquismo- e a súa repercusión na actividade laboral. A pesar do crecemento económico dos anos sesenta, o país botou centos de milleiros de cidadáns á emigración.

Outros paneis falan do impacto do turismo, da chegada da televisión, da transformación das cidades ou da mudanza nos hábitos e costumes. 

Finalmente, unha parte da sociedade engrosa as filas da oposición antifranquista, que sufriu, ata a morte do ditador, as gadoupadas da represión.

Esta unidade é un traballo que lle permitirá ao alumnado afondar no coñecemento que a exposición ofrece. Trátase dunha amplísima colección de actividades de moi variada tipoloxía que aspiran a que o alumnado reflexione sobre o que está a mirar: as fotografías, os carteis e as viñetas de humor gráfico, todos eles materiais coetáneos dos feitos que describen. Por esta razón, moitas das actividades están deseñadas para que a imaxe sexa analizada posto que, pola mesma concepción da mostra, é unha fonte de información. Todos os materiais da exposición están reproducidos, xa que logo, nesta unidade didáctica, que tamén achega novos documentos gráficos e escritos.  A unidade, ademais, permite traballar todos os materiais dende un punto de vista unitario porque cos exercicios "viaxamos" a través dos paneis para relacionar unhas realidades con outras.

A Fundación 10 de Marzo agradécelle á Secretaría Xeral de Política Lingüistica da Xunta de Galicia o seu apoio para que este traballo se fixera realidade. Do mesmo xeito, expresa o seu agradecemento pola desinteresada colaboración das persoas que redactaron este traballo: Carmen Alvariño Alejandro, Antonio Díaz Otero, Heladio Anxo Fernández Manso, Xosé Antón García González, Ramón López Facal, José Ignacio Mato Rodríguez, Olga Pedrouzo Vizcaíno, María Luisa Paz Patiño, Francisco Antonio Pérez Otero, Víctor Manuel Santidrián Arias, Susana Trigo Arcos. 







Workers of the World é a revista editada pola Asociación Internacional de Folgas e Conflitos Sociais (Strikes and Conflicts International Association), da que é membro fundador e forma parte activa a Rede de Arquivos Históricos de CCOO. Esta revista pretende estimular o estudo do traballo e da conflitividade social dende unha perspectiva global e a longo prazo, transcendendo os enfoque nacionais ou conxunturais e adoptando, aí mesmo, un enfoque crítico e multidisciplinar.

© 2018 Fundación 10 de Marzo Vía Edison, nº 1 - C Polígono do Tambre 15890 - Santiago - Tfno. 981 574 082 - f10m.sn@galicia.ccoo.es