España século XX: Escenas do traballo. Ourense, Fundación 10 de Marzo, 2002

11/07/2002  

España século XX: Escenas do traballo é unha exposición fotográfica organizada pola Fundación 10 de Marzo. Con esta mostra perséguense varios obxectivos de carácter cultural. En primeiro lugar, trátase de dar a coñecer un aspecto da realidade como é o do traballo. Isto realízase desde unha dobre perpectiva, que inclúe o aspecto histórico e artístico, na medida en que o vehículo de transmisión desa realidade é a fotografía. Por outro lado, trátase de divulgar un valioso patrimonio gráfico-documental sobre o traballo na España do século XX que está sende recuperado, organizado e conservado pola Fundación 10 de Marzo.

A exposición consta dunha colección de fotografías en branco e negro que foron seleccionadas das coleccións das Fundacións 10 de Marzo e 1º de Mayo, e teñen catro tipos de orixe:

-Transferencia dos arquivos fotográficos das revistas e publicacións sindicais.

-Cesións de empresas – como a Empresa Nacional Bazán de Ferrol – e organizacións sociais.

 -Cesións de particulares e fotógrafos.

 -Fondos procedentes de concursos fotográficos organizados polas institucións organizadoras.

Cronoloxicamente, cobren un período comprendido entre entre 1900 e 1997: é dicir, ilustran o século XX galego e español case na súa totalidade. As fotografías organízanse en tres grupos.

O primeiro grupo reúne imaxes dos traballos máis tradicionais, como son a agricultura, a construcción, a minería e o propio servicio doméstico. Son tarefas nas que o traballoe a forza humana resultan primordiais, polo que presentan unha forte continuidade ó longo da historia.

Un segundo grupo, reúne fotografías do traballo nos talleres industriais, desde os comezos do século ata a actualidade. Aquí non só se poderán aprecia-los cambios na tecnoloxía, senón tamén a relación entre o home e as máquinas, e resalta a evolución histórica que provocou que estas ocupen un espacio cada vez maior fronte ó primeiro. Apreciarase, así mesmo, a gran plasticidade resultante desa relación histórica entre homes e máquinas.

O terceiro grupo é un contrapeso do anterior. Desaparece a maquinaria da escena, e homes e mulleres regresan ó primeiro plano de maneira individual e colectivamente. Contén retratos de tipos populares e, polo tanto, anónimos. Mantense como fío argumental a relación cotiá co traballo, e pódense apreciar elementos da evolución histórica, como son os cambios no vestiario.

Reflíctense igualmente aspectos do traballo como a propia emigración española, momentos como a entrada nos vestiarios, a hora do xantar no lugar de traballo e o tempo de lecer. Por fin, inclúense unha serie de actividades e ritos que forman parte da cultura do traballo, como a celebración de asembleas e manifestacións ou a folga.







Workers of the World é a revista editada pola Asociación Internacional de Folgas e Conflitos Sociais (Strikes and Conflicts International Association), da que é membro fundador e forma parte activa a Rede de Arquivos Históricos de CCOO. Esta revista pretende estimular o estudo do traballo e da conflitividade social dende unha perspectiva global e a longo prazo, transcendendo os enfoque nacionais ou conxunturais e adoptando, aí mesmo, un enfoque crítico e multidisciplinar.

© 2019 Fundación 10 de Marzo Vía Edison, nº 1 - C Polígono do Tambre 15890 - Santiago - Tfno. 981 574 082 - f10m.sn@galicia.ccoo.es