Cadernos Socioeconómicos de DEZEME 2010/2.

20/12/2010  

A Fundación 10 de Marzo publica o Caderno socioeconómico de Dezeme 2010/2 "Comisións Obreiras en clave de igualdade"

Autores: Silvia Parga Rodríguez, Daniel Costas Fernández, Mª José Ferreiro González, Elena Rodríguez Giráldez, Ascensión Esteban Ceballos, Isabel Gómez González.

O próximo 8 de marzo celebramos o día internacional das mulleres. Aquí danse algunhas discusións en relación co centenario. A Confederación Sindical de CCOO celebrou o centenario do Día Internacional da Muller o ano 2008; é a referencia que se ten da primeira acción reivindicativa xenuinamente organizada polas mulleres nesa data.

Mais hai varias versións. Outros sitúana no ano 1910, nunha declaración en Copenhagen da Internacional de Mulleres Socialistas. E, finalmente, cando xa colle corpo e xa actúa como elemento e data reivindicativa en moitos países é a partir do ano 1917 cando, en plena guerra en Rusia, o 23 de febreiro do ano 1917 - equivalente no calendario occidental ao 8 de marzo - en San Petersburgo, as mulleres, contrariando as ordes da dirección do partido maniféstanse pedindo paz e o regreso dos combatentes. A esta manifestación únense os traballadores e os estudantes, e de aí en diante é considerada, por algúns historiadores e historiadoras, como o detonante da Revolución Rusa. Catro días máis tarde, o tsar abdica e o goberno provisional outórgalles ás mulleres o dereito ao voto, ao sufraxio, que era tamén un dos elementos reivindicativos do Día Internacional da Muller Traballadora. En todo caso, a partir de entón o 8 de marzo quedou instituído como Día Internacional da Muller Comunista, e celebraríase con gran despregamento en todos os países da órbita comunista, especialmente a partir dos anos vinte, como Día Internacional da Muller.

En occidente, serán os partidos comunistas os que convoquen esta celebración. Temos que esperar ata o ano 1975 para que a Asamblea Xetal das Nacións Unidas recoñeza e declare como tal o día internacional das mulleres na data do 8 de marzo.

En CCOO celebramos esta data facendo unha reflexión a fondo da situación das mulleres no mercado laboral e as dificultades e pexas que se poñen á igualdade nas empresas e na negociación colectiva. Este é o noso marco de responsabilidade, o noso marco de intervención, e temos, por tanto, a obriga e o compromiso de incorporar a igualdade, a igualdade real, a toda a nosa acción sindical, entendida esta no sentido máis amplo posible.

No inicio desta crise grave e complexa que estamos a sufrir, as mulleres parten xa dunha situación desigual en relación cos homes, o que provoca, ademáis, unha situación de especial e maior vulnerabilidade diante dos seus efectos máis negativos. Por iso, e ao longo desta xornada, teremos ocasión de comprobalo: mesmo a pesar da forte destución de emprego masculino, as mulleres seguen sufrindo máis o paro, unha menor taxa de actividade, menores salarios e menor representación nos ámbitos de decisión.

A recuperación da economía leva consigo cambios e reaxustes, pero en ningún caso pode ser un pretexto para ignorar a discriminación que están a sufrir as mulleres. É necesario o enfoque de xénero para combater a desigualdade persistente con medidas de creación de emprego de calidade e mellora na protección social.

A igualdade é unha tarefa de homes e mulleres. Non podemos recuar no camiño da igualdade.

CCOO reclama un cambio de mentalidade empresarial para incorporar as mulleres ao novo modelo produtivo, para que este sexa máis competitivo e sustentable, e facer unha sociedade máis xusta e máis igualitaria. Que a crise non sirva de escusa para deixar de negociar e pór en marcha os plans de igualdade nas empresas.







Workers of the World é a revista editada pola Asociación Internacional de Folgas e Conflitos Sociais (Strikes and Conflicts International Association), da que é membro fundador e forma parte activa a Rede de Arquivos Históricos de CCOO. Esta revista pretende estimular o estudo do traballo e da conflitividade social dende unha perspectiva global e a longo prazo, transcendendo os enfoque nacionais ou conxunturais e adoptando, aí mesmo, un enfoque crítico e multidisciplinar.

© 2018 Fundación 10 de Marzo Vía Edison, nº 1 - C Polígono do Tambre 15890 - Santiago - Tfno. 981 574 082 - f10m.sn@galicia.ccoo.es