CONSENSO E POLÍTICA LINGÜÍSTICA.- María Sol López Martínez

01/01/2009  

Consenso e Política Lingüística

María Sol López Martínez

A diversidade lingüística de España,da que todos nos deberiamos sentir orgullosos, ten un inmenso valor. E todos deberiamos ser conscientes da obriga de defendela e promovela.

A defensa desta diversidade ha de facerse, ao meu modo de ver, desde a consideración do plurilingüismo como un valor positivo e desde a convivencia como actitude imprescindible. Deste xeito, o traballo no ámbito da política lingüística ha estar enfocado cara á construción de diálogo e respecto, cara á cohesión e a integración social. Estes foron os tres elementos por parte de todas as forzas políticas que, con algunhas dificultades, estiveron presentes en Galicia no desenvolvemento das políticas lingüísticas: vontade de diálogo, capacidade de comprensión e un marco de traballo e de acordo.

Sobre estas bases, constrúese un contexto de consenso desde 1978, cando se redactou a Constitución española e o seu artigo 3º. Este consenso na nosa comunidade chega ata setembro de 2004, cando, a proposta do PP, se aproba no Parlamento de Galicia e por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG). Daquela, dicía o señor Fraga no prólogo deste documento: “O galego, lingua propia de Galicia, como establecen a Constitución e mailo Estatuto, non pode ser utilizado como un instrumento político nin como arma partidaria. A nosa fala constitúe o cerne central da nosa identidade, o alento e a alma do pobo galego, e como tal, debemos traballar todos moi unidos e na mesma dirección”.

O mesmo consenso e unanimidade acadan outras normas legais, non menos importantes: en 1981 o Estatuto de Autonomía, co seu artigo 5º, e en 1983 a Lei de Normalización Lingüística (LNL). Mesmo o Goberno de España, presidido por José María Aznar, ratificou en 2001 a “Carta Europea das linguas rexionais e minoritarias”, co máximo nivel de compromiso na protección e apoio das outras linguas de España.

Todas estas normas aprobadas de xeito consensuado demandan das autoridades galegas defensa e promoción para a nosa lingua e a sociedade galega demanda consenso e apoio á política lingüística.

 Cando se principia o período democrático, o galego viña dunha longa, moi longa noite de pedra na que estivo apartado de todos os estamentos oficiais, da administración e da escola, entre outros. O longo período ditatorial que vivimos no século XX logrou, se cabe, debilitalo aínda máis socialmente, identificándoo como a lingua das clases máis populares do rural e as máis desfavorecidas socialmente. Pola contra, o castelán era a única lingua da Administración e da Igrexa, así como dunha boa parte das clases máis acomodadas. Cabe pensar, pois, que a presenza do castelán nos núcleos urbanos non é tan recente, dado que era nas cidades onde estaba todo o aparato administrativo.

Os  procesos modernizadores da sociedade galega que, aínda que cun certo atraso, se producen ao longo do século xx favorecen o paso á cidade dunha parte importante da poboación rural, e este feito leva aparellado o proceso de substitución lingüística, sobre todo a partir das segundas xeracións.

A lingua galega é a lingua maioritaria da poboación de Galicia. Non obstante, arrastra una falta de recoñecemento social non só por parte das elites que, normalmente, non a empregan; senón dos propios galegofalantes que a ven coma unha pexa para o ascenso social.

No período democrático, os cambios na estrutura do Estado fan que Galicia, coma as outras comunidades históricas, adquiran un grao de descentralización importante que permite definir no Estatuto o grao de oficialidade do galego e traballar na normalización do seu uso.

As normais legais aprobadas no Parlamento de Galicia outórganlle ao galego o status de lingua propia de Galicia e de lingua oficial, xunto co castelán. A LNL di no artigo 4º que “O galego, como lingua propia de Galicia,  é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma, da súa Administración, da Administración Local e das Entidades Públicas dependentes da Comunidade Autónoma”. Máis adiante, no artigo 6º sinala: “Os poderes públicos de Galicia promoverán o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns”.

Como resultado dos textos legais, Estatuto de Autonomía e LNL, o galego incorpórase desde o principio da autonomía á administración e ao ensino. Para cumprir coas normas aprobadas, o goberno autonómico crea o departamento de Política Lingüística, co rango dunha dirección xeral dentro da Consellería de Educación. Ao principio tivo como prioridade lograr que os traballadores da administración e do ensino adquirisen as competencias lingüísticas que lles permitisen desenvolver o seu traballo en galego. Esta prioridade ía acompañada da necesidade de traballar na estandarización da lingua, apoiando a elaboración de dicionarios, vocabularios e outro tipo de materiais necesarios tanto para o ensino regrado, coma para o de adultos.

Os logros desta etapa foron, por unha parte, unha mellora significativa das competencias lingüísticas do persoal da administración, sobre todo en lingua escrita. Por outra, un avance significativo nas catro destrezas, pero fundamentalmente nas de lectura e escritura, resultado da incorporación da materia de lingua galega e tamén do galego como lingua vehicular dalgunhas materias non lingüísticas no sistema educativo. Ademais, a maior presenza do galego nos diferentes ámbitos da sociedade, o emprego por parte dos poderes públicos e a creación da TVG e da RG, emitindo todo en galego, favoreceron a valoración da nosa lingua como un elemento integrador de toda a cidadanía.

Pero este esforzo non foi suficiente. Os usos lingüísticos non melloraron e seguimos perdendo falantes pouco e pouco. Unha boa parte dos galegofalantes seguen a considerar o galego como unha lingua con menos posibilidades ca outras e, o que me parece máis importante, malia o incremento das competencias lingüísticas nas xeracións máis novas, esta mellora non se reflicte nun crecemento do uso. Sen dúbida, estamos diante dun tema dunha grande complexidade. E para o que, no contexto sociocultural e político no que nos movemos, non hai propostas milagrosas. Houbo, así e todo, factores que, ao meu modo de ver, non axudaron a parar a perda de falantes e tampouco contribuíron a incrementar a fortaleza social da lingua.

En primeiro lugar, o comportamento das institucións ou, máis ben, dos responsables das institucións galegas. A realidade é que desde o principio o compromiso das institucións coa lingua foi sempre, e segue a ser, bastante frouxo. O emprego do galego na administración avanzou notablemente no uso da lingua nos documentos administrativos , pero non o fixo do mesmo xeito no uso oral no centro de traballo.

En segundo lugar, o prestixio social da lingua. A valoración social mellorou, pero aínda non se conseguíu que os habitantes de Galicia se sintan orgullosos da súa lingua, da mesma maneira que se senten orgullosos das súas costas, da paisaxe, da catedral de Santiago, dos seus produtos, etc. Queremos conservar a nosa paisaxe, a nosa ecoloxía e para iso temos que coidar as nosas rías, os nosos montes, etc. Queremos un país sostible e para iso temos que ser respectuosos co medio ambiente. Se non queremos perder a nosa lingua, a nosa maneira de describir o mundo, temos que usar a lingua galega. Unha lingua está viva se ten falantes. As institucións son moi importantes na medida en que poden proporcionar a vontade política, apoio, promoción e unha lexislación que favoreza o seu uso. Pero, tal como sinala A. Baamonde (El País, 2007) a clave está en nós, na sociedade civil. Na presión social que fagamos, empregando a lingua, cada un dos galegos e galegas.

Con todo, é de xustiza recoñecer que, en todos estes anos, o galego recuperou espazos que antes, practicamente, nunca tivera. O ensino, a administración foron os ámbitos nos que máis avanzou. Pero quedaba aínda moito camiño por percorrer para lograr unha igualdade real entre as dúas linguas cooficiais. Quedaban aínda moitos ámbitos no que a presenza do galego é só testemuñal.

Esta idea de que aínda queda moito por facer na normalización da nosa lingua, tamén o deberon notar os responsables políticos da última lexislatura do Goberno do PP. E así, nos dous últimos anos (2002-2004) acordaron elaborar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) coa finalidade dicía o Director Xeral de Política Lingüística, o señor González Moreiras, de “redactar un documento no que, (...) quedasen establecidos de forma previa e programada os obxectivos, medidas e procedementos, de aplicación nos anos inmediatos á súa aprobación, encamiñados á normalización da lingua galega”.

Nel participaron un número importante de persoas pertencentes aos principais ámbitos da sociedade galega. Como se fixera sempre en Galicia desde o consenso e a unanimidade, trataron de integrar as diferentes opinións cunha finalidade que estivo presente desde a transición: que a lingua estivera fóra do debate político. Así foi como se aprobou no Parlamento por unanimidade o PXNLG porque, tal como sinalaba o señor Fraga no Prólogo, "A defensa do galego é algo moi serio e debe levarse a cabo sen falsidades nin demagoxias baratas”

O PXNLG aprobouno o Parlamento de Galicia o 21 de setembro de 2004. Malia as boas intencións que aparecen reflectidas nos prólogos, o goberno do PP non pon en marcha ningunha das medidas que aparecen relacionadas en cada un dos sectores considerados.

 En xuño de 2005, como é ben coñecido de todos, o Partido Popular non consegue a maioría e logo de dezaseis anos de gobernos do PP, o PSdG e BNG formarán o novo goberno autonómico. O novo goberno asume en materia lingüística a responsabilidade de priorizar as medidas derivadas do PXNLG, xurdido, como indicamos anteriormente, da unanimidade e o consenso e dunha ampla participación. O compromiso neste período coa lingua quedou patente desde o principio en decisións importantes que afectarán de maneira evidente á planificación lingüística dos anos desta lexislatura. Por unha banda, cambiouse a área de política lingüística da Consellería de Educación para situala na cerna do organigrama do goberno. De tal forma que o departamento encargado do desenvolvemento da política lingüística pasou a depender directamente de Presidencia do Goberno. Por outra, elevouse o rango do departamento dunha Dirección Xeral a unha Secretaría Xeral, o que permitiu mellorar a súa estrutura e, sobre todo, permitiu un crecemento importante en recursos humanos.

Para o novo goberno, o galego, de acordo co ordenamento xurídico, é a lingua propia de Galicia e é lingua oficial xunto co castelán. O galego é de todos e todos debemos comprometernos na súa defensa e apoio. Nesta liña, as políticas lingüísticas, seguindo as medidas do PXNLG, deseñáronse tratando de contar sempre co consenso político e social. Tiñamos, e seguimos tendo, a convicción de que nunha sociedade con dúas linguas oficiais, canto máis igualitaria sexa a situación de ambas as dúas, máis sólida e firme será a súa convivencia e, tamén a dos cidadáns. O obxectivo primeiro é conseguir unha verdadeira igualdade social entre as dúas. E para iso, tal como afirma Moreno Cabrera, no caso do ensino é necesario conseguir que a lingua minoritaria teña a consideración de primeira lingua e non de segunda; e cómpre facer posible que o galego estea presente en toda función social.

Queremos construír unha sociedade equilibrada, cohesionada, en convivencia. Na que se respecten os dereitos de todos os cidadáns: dos galegofalantes e dos castelanfalantes. Queremos garantir o futuro do galego. O galego, como vimos repetindo, é patrimonio de todos e, neste sentido, o consenso político e social debe ser o principal apoio da política lingüística.

Con estas premisas, a política lingüística ao longo destes catro anos de lexislatura tivo como eixes prioritarios: favorecer o prestixio social da lingua, promover a transmisión lingüística primaria, apoiar a presenza do galego en todo o relacionado coas novas tecnoloxías, mellorar as competencias lingüísticas en galego, lograr unha maior presenza nas institucións do Estado español e nas institucións da Unión Europea e acadar unha maior presenza exterior a través da rede de lectorados en España, Europa e América.

O PXNLG, como xa dixemos, intégrano máis de catrocentas medidas e accións. Pero non ten unha proposta de periodización nin está acompañado dunha memoria económica de custos. En calquera caso, para poder desenvolver as accións propostas no PXNLG cómpre contar con recursos económicos, recursos humanos e vontade política para modificar o marco legal naqueles casos en que se considera necesario. Con esta base deseñáronse os programas para desenvolver.

Non houbo recursos económicos adicionais para poñer a andar as medidas do Plan Xeral. Con todo, os orzamentos dos que dispuxo a Secretaría foron de 20.490.935 millóns de euros no ano 2005 e chegaron ata os 23.247.547 millóns de euros no 2008. No 2009 o orzamento aprobado foi de 21.531.377 millóns de euros. Neste ano 2009 houbo unha redución importante, principiaba a crise. Pero si que me gustaría salientar un dato. No capítulo de recursos humanos o orzamento para o 2005 era de 1.163.332 € e para o 2009 estaba previsto un gasto de 2.051.393 €. Como se pode constatar, este capítulo amosa un incremento notable, mesmo o ano en que se reduce o orzamento noutros capítulos.

Para poder avanzar nos obxectivos marcados, había que facer modificacións no marco legal. Entre estes cambios lexislativos debería estar a reforma do Estatuto de Autonomía, o mesmo que xa fixeran outras autonomías, entre elas a catalá. Pero a falta de acordo entre as forzas políticas non fixo posible a actualización do Estatuto.

Aínda así, neste período si se fixeron cambios nalgunhas normas de menor rango co obxectivo de mellorar o coñecemento da lingua. Deste xeito, púidose aprobar:

A Lei 13/2007, do 27 de xullo, Lei da función pública de Galicia coa que se queren mellorar as competencias lingüísticas dos futuros funcionarios que desenvolvan a súa actividade en Galicia. De acordo coa medida 1.1.6 do PXNLG que propón: Establecer normas xerais e uniformes sobre a capacidade lingüística esixible nos procesos de acceso á función pública e no desempeño desta función.

O Decreto 124/2007, de 28 de xuño polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo. Seguindo as medidas propostas polo PXNLG, incorpórase a lingua galega desde a educación infantil, e fíxase un mínimo dun terzo para os contextos e contornos nos que a lingua predominante é o castelán (medidas 2.1.22 e 2.1.23). Dispón ademais que, polo menos, o 50% das materias na ensinanza non universitaria se impartan en galego.

O Decreto 258/2006, do 28 de decembro polo que se crea a Comisión Interdepartamental da Xunta de Galicia para a normalización lingüística.

A Orde de 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (CELGA).

Coas modificacións das disposicións legais e seguindo as propostas que para cada un dos sectores se indican no PXNLG nesta lexislatura desenvolveuse un programa de accións encamiñadas a mellorar o recoñecemento social da lingua, a conseguir unha maior competencia e unha maior presenza naqueles sectores nos que o emprego do galego era moi baixo.

Así, desenvolveuse unha campaña co obxectivo de potenciar o recoñecemento social da lingua. Esta Campaña, que abrangueu os anos 2007 e 2008, ía acompañada dun conxunto de actividades de fomento do galego na sociedade dirixidas á familia (Xeración ¡e logo! para as maternidades; as festas dos axóuxeres) e á xuventude. Coa mesma finalidade no ano 2008, e para celebrar o Ano Internacional das Linguas, promovido pola ONU e o Ano do Diálogo Intercultural, programouse unha exposición que, co título “As nosas palabras os nosos mundos”, viaxou polas cidades de Galicia, por algunhas de España, Europa e América. Con ela quixemos poñer en valor a nosa lingua, dala a coñecer e fomentar a valoración positiva do plurilingüismo.

Fixéronse esforzos importantes para lograr que o galego tivese cada vez máis presenza nas TIC: promovendo tradutores automáticos, incorporando o galego á telefonía móbil, etc.

Coa posta en marcha do novo decreto para o ensino, a Secretaría Xeral en coordinación coa Consellería de Educación traballou na planificación e dinamización do ensino. Deseñáronse e puxéronse a disposición do profesorado dos centros modelos de intervención lingüística.  Reforzáronse as actividades formativas (cursos de planificación, seminarios de dinamización). Creáronse as figuras dos coordinadores provinciais dos equipos de normalización e dinamización.  Incrementouse o apoio económico e definiuse unha mellor xestión para os proxectos de fomento do galego nos centros tanto públicos como privados. En coordinación coa Consellería de Educación, promoveuse e apoiáronse economicamente as liñas de galego nos centros.

Para impulsar a utilización do galego na administración créase a Comisión Interdepartamental da Xunta de Galicia para a normalización lingüística. Buscabamos promover accións transversais para o fomento do galego; accións conxuntas para asegurar o cumprimento da lexislación e impulsar iniciativas para que o galego sexa lingua habitual nas relacións internas.

O sistema de formación e avaliación da lingua vixente ata o momento non resultaba satisfactorio. Por iso se levaron adiante cambios no sistema de certificación da competencia da lingua galega, coa implantación dos CELGA, e mellora dos materiais empregados. Este foi un dos proxectos máis importantes da Secretaría polo que supón de adaptación aos estándares europeos no rigor e na homoxeneización dos procesos de avaliación.

A presenza do galego nas universidades tanto do Estado español coma de Europa e de América é moi importante para a proxección da nosa lingua, pero tamén da nosa cultura en xeral e en particular da literatura. Ademais de mellorar as condicións dos lectores, marcamos como prioridade para a incorporación de novas universidades lograr que o galego, a súa literatura ou a súa cultura formaran parte dos planos de estudo das universidades.

En marzo de 2007, o Goberno vasco, a Generalitat de Catalunya e a Xunta de Galicia asinamos un protocolo de colaboración en materia de política lingüística. Con posterioridade adheriuse o Goberno balear. Este protocolo de colaboración sustentábase nos mesmos principios xerais que proclamamos desde a Secretaría Xeral. Estes son algúns:

Os procesos de normalización lingüística que os tres gobernos veñen impulsando enmárcanse nunha política xeral encamiñada a substituír as discriminacións e desigualdades polo exercicio real da igualdade. (...). O pluralismo que se consagra legalmente no ámbito lingüístico non se traduce hoxe aínda nunha situación de verdadeira igualdade nas condicións de uso e nas políticas de fomento, protección e respecto de todas as linguas do Estado. De aí que o obxectivo sexa traballar para avanzar na consecución progresiva dunha maior igualdade social entre as linguas, contribuíndo así á cohesión social e a unha mellor convivencia.

A igualdade social entre as linguas require unha igualdade de oportunidades real para que cada cidadán utilice a lingua que desexe. A igualdade xusta consiste en tratar igual os iguais e desigual os desiguais.(...). En todo caso, a acción pola superación da desigualdade do éuscaro, o catalán e o galego con respecto ao castelán non é unha loita contra o castelán, senón que, simplemente, pretende fomentar as linguas propias, dende a convicción de que as linguas non separan, senón que integran. A acción pola vitalización do éuscaro, o catalán e o galego constitúe un factor de integración e de mellora da convivencia, cara a un futuro mellor para todos.

O éxito dos procesos de normalización lingüística require da concorrencia de tres factores: políticas públicas positivas sustentadas sobre un marco legal protector das linguas en situación de desigualdade, recursos suficientes para o desenvolvemento das devanditas políticas e adhesión e compromiso da cidadanía con relación á lingua. (...). Así, é imprescindible a implicación efectiva dos partidos, os sindicatos, as asociacións empresariais e as asociacións culturais e cívicas de todo tipo, para estender o uso normalizado das linguas propias na vida social, laboral e económica.

As linguas son patrimonio común de todos os cidadáns. De aí que ninguén debería intentar patrimonializalas en exclusiva, nin ningún debería sentirse exonerado da responsabilidade de asumir como tarefa propia a normalización do éuscaro, do catalán e do galego. Por iso, é necesario que os procesos de normalización lingüística estean presididos polo maior consenso social e político posible.

O Estado español é un estado plurilingüe. Esta realidade debería ter o seu reflexo na actitude dos poderes públicos do Estado. En consecuencia, o Estado debería posibilitar o uso das linguas oficiais distintas do castelán no ámbito das súas propias institucións, no Congreso e no Senado, na Administración de Xustiza, nas súas sociedades estatais e empresas de servizo públicas, tales como Correos e Renfe, nos medios de comunicación de titularidade pública de ámbito estatal.

Se falar do Estado español en materia lingüística supón falar de diversidade, falar de Europa significa referirse a unha das súas características: a súa natureza plurilingüe. É conveniente que desde os poderes públicos das comunidades con lingua propia se impulsen accións encamiñadas a que esa Europa, que é un mosaico de linguas, se dote de políticas activas de recoñecemento e promoción destas nas súas institucións.

Asumimos que os procesos de normalización han de asentarse sobre políticas públicas cun marco legal protector das linguas en desigualdade, recursos para desenvolvelas, adhesión e compromiso da cidadanía e consenso político. O Goberno de Galicia procurou ter presentes estas coordenadas no referente ao tema lingüístico.

Nos períodos anteriores, cando o PP desde o goberno promoveu modificacións legais en temas relacionados coa lingua sempre puido contar co consenso dos grupos da oposición. Pero, unha vez que pasa a constituír a oposición, empeza a desvincularse do consenso lingüístico que tanto defenderan.

Nesta lexislatura modificáronse varias normas de rango distinto. Dúas delas foron a Lei da Función pública e o Decreto polo que se regula o uso e promoción do galego no sistema educativo. Estas modificacións lexislativas encádranse no desenvolvemento do PXNLG, promovido polo PP e aprobado en 2004. En ambas as dúas normas, o PP acabou rexeitando os cambios e rompendo de maneira unilateral o consenso. Como se pode explicar que modificacións baseadas nun documento promovido e aprobado no Parlamento por unanimidade, agora, a oposición, estea en contra delas? Non parece moi coherente. Esa incoherencia é maior se vemos os argumentos nos que se apoian. Dixemos que estas dúas normas son de diferente rango. A primeira, é dicir , a Lei da Función pública, debátese e apróbase no Parlamento. Así que podemos comprobar os argumentos “rigorosos” que se empregan para non votar afirmativamente. Vexamos, na lei reformada o artigo35 referido á lingua tiña a seguinte redacción:

Para lle dar cumprimento á normalización do idioma galego na Administración pública de Galicia e para garantir o dereito das administradas e dos administrados ao uso da lingua propia de Galicia nas relacións coa Administración pública no ámbito da comunidade autónoma, e en cumprimento da obriga de promover o uso normal do galego por parte dos poderes públicos de Galicia que determina o artigo 6.3º da Lei de normalización lingüística, nas probas selectivas que se realicen para o acceso ás prazas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e nas entidades locais de Galicia, terase que demostrar o coñecemento da lingua galega.

Para estes efectos, as bases das convocatorias establecerán que unha ou máis das probas do proceso selectivo se deberán realizar exclusivamente en lingua galega, e iso sen prexuízo doutras probas adicionais, que se puidesen prever, para aqueles postos de traballo que requiran un especial coñecemento da lingua galega.

No debate no Parlamento, o señor Rodríguez Miranda, do Partido Popular, argumenta en contra do texto do artigo: “Incluso vostedes cambian de forma importante a relación dos procesos selectivos respecto da utilización do idioma. A posición do Grupo Popular é moi clara. Nós defendemos en todo momento a necesidade –e así xa esta recollido na lei- de que calquera persona que acceda á función pública galega ten que acreditar o conocimento do idioma, non pode ser doutra maneira. Un funcionario público ten que se desenvolver exactamente igual en castelán ou en galego, por suposto que si. ¿Pero por qué necesariamente ustedes queren obligar a que nas bases de todas as convocatorias polo menos unha das probas teñen que desenvolverse en galego? Falo de probas técnicas. É dicir, que poden ser todas en galego; ben, vostedes abren esa posibilidade, nós non compartimos exactamente a redacción, e así o manifestamos coa nosa emenda” (transcrición literal do DSPG, 91 de 17 de xullo2007).

Na réplica de novo o señor Rodríguez Miranda “No tema do galego. Creo que o Grupo Popular precisamente foi quen trouxo a esta Cámara o Plan de normalización do idioma galego. Polo tanto, acusalo a esta alturas de non loitar polo coñecemento do idioma non deixa de ser demagoxia (...) nós temos a clara convicción de que hai que traballar pola defensa do galego, pero eso non é óbice para entrar noutros dogmatismos dos nacionalismos precisamente” (transcrición literal do DSPG, 91 de 17 de xullo 2007).

A realidade do PP é que non teñen ningún reparo en apoiarse no PXNLG que eles promoveron, pero os seus contidos non van con eles. A estratexia é moi clara e a conclusión aínda máis: o galego non pode ser obrigatorio para “probas técnicas”, pero os funcionarios teñen que acreditar coñecemento do galego. É dicir, os aspirantes a funcionarios non están en condicións de realizar as probas na lingua que deben coñecer. Como se pode explicar isto? Só dun xeito, a lingua galega para o PP en Galicia é oficial, pero non ten o mesmo rango ca o castelán.

A segunda das normas que se modifican é o Decreto polo que se regula o uso e promoción do galego no sistema educativo. É un decreto e, polo tanto, non se aproba no Parlamento. Neste caso, é o goberno o encargado de o elaborar e aprobar en Consello. A Consellería de Educación e o Goberno saben que é unha norma moi importante e que hai que tentar lograr o consenso de todas as forzas políticas, así como de todas as forzas sociais e da comunidade educativa. As modificacións van na mesma liña das medidas propostas no PXNLG, mesmo nalgunha das partes se transcribiron literalmente. Os representantes dos grupos parlamentarios Manuel Parga, portavoz de educación do BNG, Guillermo Meijón, responsable de educación do PSdG e Manuela López Besteiro, deputada do grupo Popular foron os que participaron na negociación do decreto xunto cos responsables da Consellería de Educación. Non era fácil, pero as páxinas dos xornais do 23 de febreiro de 2007 daban conta do acordo e salientaban a importancia de manter o consenso. Como exemplo, podiamos ler en La Voz de Galicia o titular “Los grupos políticos reflejan la importancia de lograr un consenso”. No interior da noticia indicaba a deputada Popular Manuela López Besteiro “que el PP impulsó la lengua cuando estaba al frente del gobierno con dos instrumentos como son la ley y el plan de normalización, “e parecíanos que era esencial seguir acadando o consenso””. A señora López Besteiro “apuntó que el decreto garantiza el equilibrio de las dos lenguas tanto en el número de horas como en el de materias, “e garante a competencia lingüística nas dúas linguas””(LVG, 22 de febreiro de 2007).

Parecía que o PP entendía que o consenso en materia lingüística era importante polo que representaba a lingua do país e tamén polo que supoñía de positivo para o desenvolvemento da docencia no sistema educativo, e porque ademais este estaba baseado nas medidas e accións do PXNLG, norma proposta por eles e consensuada con todos os grupos da cámara.

Que pasou entón para que aos poucos días o PP cambie radicalmente e se opoña ao proxecto de decreto? Foi o señor Feijóo quen deu orde de virar de rumbo para meter a lingua no debate político? Viñeron as ordes de máis lonxe?

Eles son os que deben explicarlle á cidadanía o cambio, en todo caso, os datos que presentamos deixan ben claro que non foi o goberno de Galicia o que rompeu o consenso, e non o foi porque no relacionado coa lingua só tratou de poñer a andar as medidas do PXNLG que, lembremos, tanto defendeu o Partido Popular. Quen rachou o consenso lingüístico e meteu a cidadanía e a nosa lingua nun canellón do que vai resultar moi difícil saír foi o PP. Porque a realidade desta situación é que o PP non cre na igualdade real das dúas linguas oficiais. Porque para o PP o galego e as outras linguas de España, distintas do castelán, poden existir, pero só para empregar no ámbito familiar ou en todo caso de forma ritual nalgunhas comparecencias públicas. Só deste xeito se pode entender a tensión e crispación na que meteu a lingua e a cidadanía galega.

E agora que? Cal é o futuro da nosa lingua?

Nas eleccións do 2009 o PP volve ter a responsabilidade de gobernar Galicia e para todos os galegos. Na campaña electoral o señor Feijóo non dubidou en empregar o tema lingüístico como unha cuestión partidaria coa que dividir os galegos e conseguir uns poucos réditos electorais. Non recordou en ningún momento as palabras que o señor Fraga escribía no 2004 no Prólogo do PXNLG: “a defensa do galego é algo moi serio e debe levarse a cabo sen falsidades nin demagoxias baratas”.

Nunha sociedade democrática alentar discursos que poden provocar tensións na convivencia non parece que sexa de moita responsabilidade, alentar discursos nos que en función da lingua que empreguen haxa cidadáns de primeira e cidadáns de segunda pode conducir a unha fractura social de incalculables consecuencias. A lingua propia é patrimonio de todos e todos debemos ocuparnos de lle dar alento coa utilización e a valoración social.

As modificacións legais da lexislatura anterior fixéronse de acordo cos textos legais aprobados polo Parlamento. Pero para a oposición daquel momento estes cambios respondían á imposición da lingua galega. Vexamos, na comunidade autónoma de Galicia hai unha lingua propia e oficial, o galego e outra lingua oficial tamén, o castelán. A norma legal di que todos os galegos temos o dereito de usar o galego. Unha das finalidades das linguas é a comunicación. Para que se poida producir un acto comunicativo, ha de haber polo menos dous interlocutores. E para que exista esa comunicación o código empregado ten que ser compartido. Ao meu entender, se os galegos queren empregar a súa lingua propia, parece evidente que o interlocutor que estea traballando en Galicia, sexa galego ou non, debe coñecer o galego. Só así se garantirá o respecto aos dereitos de todos, dos galegofalantes e dos castelanfalantes, e só así lograremos, ademais, unha sociedade cohesionada e en convivencia. Con esta finalidade se fixo a modificación do artigo 35º da Lei da función pública de Galicia na lexislatura anterior.

Os procesos de normalización lingüística terán éxito se son apoiados por políticas públicas sustentadas nun marco legal protector das linguas en situación de desigualdade e se hai vontade política. O que está a ocorrer neste momento en Galicia é todo o contrario. A situación social do galego non é igual á do castelán. O goberno actual tomou a decisión de modificar a Lei da función pública e o Decreto que regula o uso e a promoción do galego, aprobadas na lexislatura anterior, neste caso, coa finalidade de rebaixar o nivel de esixencia no coñecemento do galego e, en definitiva, de rebaixar o recoñecemento social da lingua propia de Galicia.

Así se fixo co artigo 35º da Lei da función pública. O novo goberno, polo que parece, non considera o galego válido para a realización das probas “técnicas” para o acceso á función pública. Os cambios incorporados eliminan a esixencia de realizar unha ou máis probas en galego. Probas que, de superalas, habilitan o funcionario para atender os cidadáns en galego ou en castelán, segundo a decisión do administrado. Pero o dominio do galego non está garantido. Cre o goberno que estes traballadores poden realizar a súa función de atención á cidadanía con corrección, dilixencia e imparcialidade? A cidadanía, cando necesita da administración, pode pensar que se “esixe os seus dereitos lingüísticos” o funcionario podería entorpecer as súas xestións. Se así o entendese, seguramente optaría por non exercelos e pensaría na posibilidade de renunciar ao emprego do galego.

A substitución do decreto de uso e promoción do galego comporta tamén, en primeiro lugar unha consideración inferior da lingua galega con respecto á castelá. No novo decreto, as materias consideradas de ciencias matemáticas, física, etc. non se poden impartir en galego, si se poderían impartir en inglés.

Pero o máis grave vaise producir na educación infantil: co novo decreto o que se consegue é que, por unha parte, a lingua galega vai desaparecendo pouco e pouco como lingua de uso entre os nenos e nenas galegofalantes. Sen esquecer que con estes nenos non se respectan os seus dereitos lingüísticos e aínda máis, como a decisión depende da consulta que se lles fai aos pais e esta, coma se dunhas eleccións se tratase faise cada catro anos, pode ocorrer que nos tres cursos despois da consulta haxa unha maioría de galegofalantes que teñan como lingua vehicular o castelán. Os que xa temos algúns anos sabemos ben de situacións deste tipo. Onde está a liberdade de elección na que tanto insisten? En moitos dos centros haberá nenos e nenas aos que se lles impón a outra lingua oficial. Probablemente cando se refiren ao castelán o termo imposición non é tal.

A escola ten como finalidade a adquisición de competencias nas diferentes áreas do saber: matemáticas, sociais, lingua, castelán, inglés, etc. O profesorado ha de ter unha boa formación e ha de reciclarse para empregar as metodoloxías máis axeitadas coas que os estudantes alcancen os obxectivos, de acordo co seu nivel de estudos. Todos concordamos en que o futuro dunha sociedade pasa por un sistema educativo de excelencia e integrador. Adquirir as competencias nunha materia supón dominar os seus contidos, ao tempo que tamén se mellora o dominio da lingua que se emprega como vehicular. Se, como di o decreto, o alumno pode empregar a lingua que queira, como se alcanzan as metas previstas? En que situación queda o labor do profesor? Non resulta difícil deducir un certo grao de menosprezo á lingua propia de Galicia e tanto ou máis ao labor dos profesores.

Así pois, desde a perspectiva legal, estase a producir un claro retroceso para a lingua galega. A finalidade das modificacións normativas teñen como obxectivo rebaixar o marco de apoio legal para a lingua propia. As textos legais de Galicia din que os poderes públicos teñen a obriga de garantir o uso normal do galego e adoptarán as medidas necesarias para que ninguén sexa discriminado por razón de lingua. A día de hoxe, un cidadán de Galicia que desexe vivir aquí só coa lingua castelá, pode facelo; pero un cidadán de Galicia que queira vivir só en galego, non pode.

 O galego, lingua propia de Galicia, é tamén oficial, xunto co castelán, pero, mentres o castelán é obrigatorio coñecelo, así o di a Constitución, a lingua propia e oficial da comunidade galega non se pode obrigar a coñecer. Arguméntase que os dereitos lingüísticos son dos cidadáns e non das linguas e, polo tanto, estas non se poden impor. Isto vale para as linguas propias. No caso do castelán, como é obrigatorio coñecelo, suponse que se pode obrigar.

Cando nun país hai máis dunha lingua, o tratamento destas situacións sempre é complexo e delicado. En Galicia así o entenderon ao longo da maior parte dos anos de democracia. De aí que, aínda aceptando que os resultados non eran satisfactorios en igual medida para todos, optouse por tratar de manter un consenso político e social co que lograr a recuperación da lingua propia, evitar na escola a separación nas aulas por lingua e evitar, en definitiva, unha posible separación da sociedade en comunidades lingüísticas.

Hoxe en día podemos constatar que as normativas legais e os poderes públicos non foron quen de frear o retroceso no uso do galego. Como patrimonio común de todos os galegos, a normalización da nosa lingua debe facerse desde o consenso político e social.

Ao meu modo de ver, o PXNLG é un bo punto de partida. Os seus contidos pactáronse no 2004. Iso debería permitir traballar na posta en marcha de políticas activas cun grande apoio político e social. Volver a este punto implica que todas as forzas políticas teñan claro o sitio que lle corresponde ao galego, como lingua propia e oficial. Vivimos nun país con dúas linguas oficiais. A cidadanía galega e os seus representantes deberían ter como obxectivos a igualdade xurídica real do galego e castelán. Para conseguilo cómpre definir un marco legal favorecedor para o galego que faga que todos os que viven en Galicia teñan coñecemento da lingua propia. Só así poderemos avanzar no proceso de normalización.

A sociedade civil ten moita responsabilidade no mantemento do galego, pero a vontade política correspóndelles aos responsables das institucións que teñen o deber de garantir o emprego do galego na vida pública, cultural e na sociedade en xeral, coas medidas que foren necesarias. De todos é, en definitiva, a responsabilidade de lle asegurar á lingua un futuro de, polo menos, mil primaveras máis.







Workers of the World é a revista editada pola Asociación Internacional de Folgas e Conflitos Sociais (Strikes and Conflicts International Association), da que é membro fundador e forma parte activa a Rede de Arquivos Históricos de CCOO. Esta revista pretende estimular o estudo do traballo e da conflitividade social dende unha perspectiva global e a longo prazo, transcendendo os enfoque nacionais ou conxunturais e adoptando, aí mesmo, un enfoque crítico e multidisciplinar.

© 2019 Fundación 10 de Marzo Vía Edison, nº 1 - C Polígono do Tambre 15890 - Santiago - Tfno. 981 574 082 - f10m.sn@galicia.ccoo.es