O TERRITORIO GALEGO: LIBERALISMO OU ORDENACIÓN.- Emilio Pérez Touriño

01/01/1970  

O territorio galego: liberalismo ou ordenación

Emilio Pérez Touriño

Ex presidente da Xunta de Galicia

Durante décadas, a ausencia dun modelo territorial que obedecese a un proxecto común de país lastrounos decisivamente, coa complicidade de moitos e a desidia e abandono da Xunta, con competencias plenas na materia.

Refírome ao territorio como marco, espazo e recurso no que se sustenta a convivencia da comunidade. A xestión entrelazada desas tres funcións —en tanto que recurso económico, espazo de convivencia e ámbito para protexer— converterá o territorio ou ben nunha rémora do noso desenvolvemento ou, pola contra, constituirá xunto co capital humano e tecnolóxico o principal activo do que dispón a comunidade.

Galicia vén padecendo historicamente unha serie de déficits e limitacións na ordenación do seu territorio e do urbanismo. Sinalaría, en primeiro lugar, a insostible e indiscriminada dispersión da ocupación do solo, característica do noso hábitat; en segundo, que sometemos o noso litoral e sistema de rías a unha presión urbanística desmedida e degradante; en terceiro lugar, a destrución da paisaxe agraria e o despoboamento e abandono sen alternativas do interior da comunidade. Destacaría, por último, a incapacidade para afrontar a configuración funcional das áreas urbanas e dos espazos metropolitanos, con accesos conxestionados e transporte público insuficiente, con problemas para garantir o dereito a unha vivenda digna e con contornos urbanos que precisan rehabilitación e rexeneración urbana.

Tiveron que pasar demasiados anos e gobernos na nosa historia autonómica para avanzarmos na posta en valor do territorio galego. A pasada lexislatura supuxo un paso adiante na defensa dunha Galicia sostible, que pretendeu espallar os efectos positivos do progreso e a modernidade sobre toda a cidadanía como contraposición á defensa exclusiva dos beneficios urbanísticos dunha minoría.

Neste senso, foron pasos decisivos na procura dunha Galicia sostible, habitable e de calidade as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) que, aprobadas inicialmente en xullo do 2008, definen e caracterizan o modelo territorial de desenvolvemento sostible de Galicia. Do mesmo xeito, foi un claro avance o compromiso responsable coa protección da nosa costa, co desenvolvemento moi avanzado do correspondente Plan Integral do Litoral e a Lei de medidas urxentes de protección do litoral (coñecida como a «lei dos cincocentos metros»). Ou a aposta pola incorporación de máis vivenda protexida no planeamento municipal, a posta en marcha da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) e as medidas de impulso e apoio ao planeamento municipal.

A axencia propúxose como un instrumento indispensable para frear a ocupación indiscriminada do solo, para arredar as medidas disciplinarias urbanísticas da proximidade local aos cidadáns, eliminar o clientelismo político na inspección e a disciplina urbanística, axudando deste xeito a xerar unha cultura urbanística responsable. Con esta finalidade púxose en marcha, dotouse de recursos e medios e mais dun estatuto que garantise a súa autonomía.

Devagar iniciouse un camiño e sentáronse as bases para unha política territorial ao servizo do país. Do seu desenvolvemento e impulso dependerá o futuro da ordenación e protección do noso territorio.

A protección da paisaxe, o respecto ao medio ambiente e a preservación e valorización dos nosos recursos naturais, a recuperación do noso sistema de rías e do litoral, non son un freo ou unha rémora para a actividade económica. Todo o contrario, conforman a base do noso crecemento sustentable e constitúen unha eficaz ferramenta para satisfacer as demandas de benestar social e reequilibrio do territorio.

A planificación eficiente e xerarquizada das infraestruturas e equipamentos colectivos, conformes co modelo territorial, resulta imprescindible para evitar custos non asumibles, solapamentos e perdas de competitividade do sistema de transporte.

Asemade, o reforzamento e recualificación das capacidades de planificación urbanística dos concellos e a consolidación social, cultural e administrativa da disciplina urbanística deben formar parte central da axenda estratéxica do país en materia de territorio e urbanismo. E debería constituír, ao meu entender, o núcleo duro de calquera consenso ou acordo político.

Non obstante, as primeiras medidas e propostas do Goberno sementan a desconfianza e acenden todas as alarmas. Non só, que tamén, porque se atrasen inxustificadamente as DOT e se empece a casa polo tellado cunha modificación substantiva da lei do solo, e se pretenda levantar a protección do litoral sen dispoñermos aínda do correspondente plan sectorial aprobado, senón porque, ademais, os primeiros anuncios e decisións caracterízanse, practicamente todos eles, por constituíren unha agresión ao medio natural, á paisaxe, ao hábitat e aos recursos naturais e en contra do interese xeral e dun urbanismo sostible.

Así, retorna a sobreexplotación dos nosos ríos coas minicentrais, a desprotección da Rede Natura coa desvalorización de valiosos ecosistemas como a lagoa de Valdoviño e de paraxes de excepcional valor como Touriñán. Ou a modificación do plan de acuicultura para permitir instalacións industriais na mencionada rede, cambiando o modelo baseado na concesión pública de solo para a finalidade industrial por unha privatización da costa mediante a súa compravenda. O que abre a porta á especulación nunha das zonas máis sensibles do noso territorio.

Con todo, o máis preocupante é que mentres se especula cun pacto polo territorio, o Goberno desmantela a APLU (Axencia de Protección da Legalidade Urbanística), asina convenios para dar cobertura a irregularidades urbanísticas, e remite e aproba no Parlamento —pola vía de urxencia— unha substancial reforma da Lei do solo do 2002.

Porque non estamos ante unha reforma menor. En ningún caso. Trátase dun proxecto de lei que favorece, novamente, un modelo inviable e insostible de dispersión da ocupación do solo no medio rural. Contraditorio, ao máximo, con todas as recomendacións dos expertos en desenvolvemento e que deixa sen argumentos razoables as nosas demandas e reivindicacións ao discutir no ámbito estatal o financiamento autonómico. Porque, con que lexitimidade podemos reivindicar unha maior ponderación da dispersión da poboación nos criterios de repartición do financiamento autonómico, namentres dende Galicia seguimos a potenciala e favorecela coa nosa política territorial e urbanística?

Estamos ante unha modificación que abre a man e favorece a construción nos núcleos rurais non tradicionais, sen variar a súa cualificación e, polo tanto, sen os correspondentes requirimentos de dotación de servizos. Unha modificación que, por certo, abre tamén o medio rural á construción aliñada en vivendas arrimadas.

Unha reforma á carta de peticións municipais, entendibles, pero que non debe asumir a autonomía, cedendo nas súas responsabilidades e competencias. Especialmente, despois das experiencias de crecementos desordenados e cunha excesiva dependencia dos ingresos derivados da actividade dos sectores inmobiliarios e da construción.

Unha reforma que propón un exercicio irresponsable de regularización de todas as construcións e instalacións que, sen teren licenza ningunha ou a autorización preceptiva autonómica, sexan anteriores ao 2003 con independencia da clasificación do solo en cuestión, excepto cando estean localizadas en espazos naturais ou de solo rústico de protección de costas, caso no que requirirán informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo. Esta medida discrimina os que tiveron un comportamento acorde coa lei e a disciplina urbanística e que emite o peor dos sinais de cara ao futuro.

É unha reforma, por certo, que na súa disposición transitoria segunda facilita que aqueles concellos que teñen o seu planeamento suspendido de acordo coa lei, poidan outorgar licenzas ao amparo das súas normas provisorias a actuacións urbanísticas —segundo esta disposición que agocha, xa que logo, unha auténtica vía á amnistía— que quedan asimiladas ás desenvolvidas en solo urbano «independentemente de cal fose o grao de urbanización que as mesmas puideran ter». A porta aberta, pois, para posibilitar unha vía á regularización de actuacións irregulares, onde podería acometerse a urbanización dos terreos sen instrumentos de planeamento que os amparen, e que logo poderán xustificar a concesión de novas licenzas sen necesidade de recorrer a posteriori a convenios de difícil explicación como o da Xunta co Concello de Barreiros e a Deputación de Lugo.

Paralelamente, e coa mesma e inusitada urxencia coa que se produce a tramitación desta lei, procédese a desmantelar o equipo da APLU, modifícanse os seus estatutos para reducir as súas competencias e eliminar o mandato cuadrienal para o seu director, acernando así a súa imprescindible autonomía, e destitúese o seu máximo responsable.

A APLU constituíu unha aposta estratéxica, expresión do proxecto e da vontade política para desenvolver unha nova cultura urbanística no noso país. Dotada dun valioso equipo de profesionais, con mecanismos e recursos para a concertación e cooperación cos concellos galegos, independente e blindada ante as poderosas presións dos contornos, emprendeu, sen dúbida, un traballo exemplar.

Porque a desidia e o abandono en materia de control e disciplina urbanística foron a pauta de conduta das anteriores administracións, cimentadas —nunca mellor dito, nesta materia— na argamasa do clientelismo político.

Así, mentres que en máis de vinte e cinco anos de exercicio das competencias urbanísticas da comunidade autónoma en materia de control e disciplina urbanística unicamente foi obxecto de demolición unha construción ilegal, a APLU, en só dous anos de existencia, executou 42 ordes de demolición, ademais de multiplicar as actas de inspección, os expedientes sancionadores e de reposición da legalidade e os recursos ante os tribunais.

Loxicamente, non semella unha casualidade a destitución do director da APLU xustamente nove días despois de asinar a orde de demolición —a última, certamente— dunha urbanización de 52 apartamentos a pé de praia no municipio do Grove, en solo cualificado de rústico, en cumprimento dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, posterior ao correspondente expediente de demolición iniciado pola Consellería de Política Territorial no ano 2007. Nin pode ser alleo ao feito de que, coma en tantas outras ocasións, o traballo da axencia fora determinante para paralizar irregularidades urbanísticas como as do Concello de Barreiros.

Neste fermoso concello da nosa costa, de 3.574 habitantes, outorgáronse máis de 40 licenzas para construír 3.170 novas vivendas, co informe desfavorable da secretaria municipal, en solo sen urbanizar, sen acceso, sen auga nin saneamento e sen garantía de subministración de enerxía eléctrica para a demanda previsible. Irregularidades que deron lugar a sentenzas de anulación das licenzas e a que a fiscalía impute o alcalde e o goberno local por presunta prevaricación.

Ante estes feitos, podemos constatar que o retorno a esa mestura de clientelismo político e liberalismo sen complexos, propios da dereita no poder autonómico nesta nova etapa, non é só que debilite os instrumentos públicos de protección e control dun urbanismo cívico e sostible, é que, ademais, dá cobertura á regularización de actuacións irregulares e presuntamente ilegais, socializando a través do correspondente convenio con cargo a fondos públicos o custo da urbanización que deberían ter asumido no seu día os promotores inmobiliarios.

Como ocorreu tantas veces no noso país, ao abrigo de ideas en principio positivas, tales como gañar en flexibilidade e eficacia na xestión urbanística e o impulso da economía e o emprego, producíronse os peores desaguisados na política territorial e urbanística con complicidades sociais e políticas ben diversas. Baixo lemas tan nobres coma fermosos, cóanse de contrabando intereses inmobiliarios e especulativos unhas veces, e curtopracistas e de corte clientelar outras.

Posicións que ao final gañan a partida en demasiadas ocasións ao que realmente é o interese xeral: salvagardar a costa e o litoral da súa degradación aguda, protexer espazos emblemáticos do noso hábitat de agresións industriais e residencias e xerar un urbanismo sostible e de calidade.

Sen un auténtico proxecto de país, que articule e defenda o interese común, medidas como, por exemplo, a lei dos cincocentos metros, que protexe o noso litoral do desastre urbanístico e económico, nunca chegarían a ver a luz e terían sucumbido, xa na súa xestación, ás tentacións e visións curtopracistas e electoralistas que en tantas ocasións inundan as estratexias partidarias.

O que non temos que esquecer nin obviar é que son múltiples e complexos os intereses privados e públicos que se mesturan e xogan en torno ás actividades inmobiliarias e do sector da construción. Así como a contraposición de intereses e concepcións no desenvolvemento das cidades e dos novos espazos urbanos, e en relación cos límites ambientais e económicos ante o consumo ilimitado e descontinuo do territorio e o control da dispersión.

Por iso, dende unha concepción progresista resulta tan relevante non perder a referencia do que deben ser neste eido os dereitos da cidadanía na construción das cidades e dos espazos públicos, incluídos a oferta dunha vivenda pública de calidade a un prezo accesible e o impulso do transporte público. Políticas públicas ás que, por certo, o Goberno autonómico no período 2005-2009 dedicou unha preferente atención.

Cando menos dende o ano 2001, no que o PSdeG incluíra e desenvolvera amplamente no seu programa electoral a necesidade dun pacto polo territorio como unha cuestión de país, a defensa dunha política integral de ordenación do territorio e dun urbanismo sustentable pasaron a estar no centro das alternativas e dos proxectos de renovación e transformación progresista do país.

Se co goberno anterior se iniciou lentamente un camiño nesa dirección, con fitos inequívocos como a Lei de protección do litoral, a posta en marcha da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística ou a aprobación inicial das directrices de ordenación do territorio, pola contra hoxe debemos constatar con preocupación que hai demasiados motivos para a alarma polo camiño desandado e a primacía da desregulación e do clientelismo.

Penso que, hoxe máis ca nunca, necesitamos que dende a oposición se manteña con rumbo firme e con claridade un dos elementos estratéxicos para unha alternativa de progreso e modernización de Galicia. Esa política de ordenación do territorio e urbanística, que formou parte central da identidade do proxecto transformador e reformista da esquerda máis alá das presións e dos intereses conxunturais.

E digo que máis ca nunca porque hoxe a globalización e a crise poñen a proba, en moi distintos campos como estamos a comprobar —dende as finanzas ou a educación superior ao territorio—, a fortaleza e a existencia en si mesma dun proxecto político integrador do país e do liderado imprescindible para vertebralo e impulsalo.

Hoxe temos que preguntarnos se Galicia, se os galegos, podemos permitirnos que se estean a cuestionar elementos comunitarios vertebradores do país. Falo da nosa lingua e do teimudo empeño en ausentarse e desresponsabilizarse dende os poderes públicos do obrigado compromiso coa súa normalización para trasladarlle a decisión aos pais. Mais tamén do risco de perder as bases da nosa capacidade financeira como comunidade autónoma, por intereses persoais, locais e partidarios de curto alcance. Ou da desprotección do territorio e a volta a unha visión moderna do «ti vai facendo» con complicidades ben diversas.

É probable que esteamos ante o reflexo dunha preocupante e acentuada debilidade do proxecto político común na construción do país. Velaí o desafío.







Workers of the World é a revista editada pola Asociación Internacional de Folgas e Conflitos Sociais (Strikes and Conflicts International Association), da que é membro fundador e forma parte activa a Rede de Arquivos Históricos de CCOO. Esta revista pretende estimular o estudo do traballo e da conflitividade social dende unha perspectiva global e a longo prazo, transcendendo os enfoque nacionais ou conxunturais e adoptando, aí mesmo, un enfoque crítico e multidisciplinar.

© 2018 Fundación 10 de Marzo Vía Edison, nº 1 - C Polígono do Tambre 15890 - Santiago - Tfno. 981 574 082 - f10m.sn@galicia.ccoo.es