UNHA CRÓNICA LINGÜÍSTICA E POLÍTICA.- Fermín Bouza

01/01/1970  

Unha crónica lingüística e política

Fermín Bouza

bouza@ccinf.ucm.es

http://votoconbotas.trincheradigital.com

Hai un tempo para a acción e hai un tempo para matinar

Quizais é para min o intre da matinación, logo de ter pasado moitos meses ocupado en asolagarme nos arquivos estatísticos das enquisas e facer milleiros de táboas, gráficos e cousas varias do mesmo feixe de métodos sociolóxicos. Era tanta a présa de pór eses datos no meu blog e de manter a atención da xente sobre unha lingua que se nos ía pola man do novo goberno, que non semellaba haber un tempo para artellar pola miña parte unha idea ordenada do problema da nosa lingua. A estas alturas, ademais de no meu blog, escribín diso e están a piques de se publicar diversos traballos cheos de datos e táboas, e case mellor que non me repita nesta matinación para a Fundación 10 de Marzo, que tanto ten feito xa pola Terra e a Memoria de todos, e que agora ten a amabilidade de lles dar algunha importancia ás miñas reflexións sobre a nosa lingua. Cambiarei, pois, de terzo, que din os toureiros, para me ir a esa matinación que aínda non puiden facer e que quero facer.

A importancia de ter unha lingua propia

Galicia está no mercado simbólico do Reino de España nunha situación ben especial. Dunha parte, recoñéceselle o seu carácter nacional (nacionalidade, no Estatuto e, sen nome, na Constitución) pero por outra parte considérase que a conciencia de seu que ten Galicia é moi menor se a pomos a carón de Cataluña ou de Euskadi. Esta situación no mercado simbólico non deixa de ter unha grande importancia no mercado económico, que acusa a presenza do mercado simbólico na súa conduta como mercado económico no senso de considerar máis relevante o sinal nacional de Cataluña e Euskadi ca o sinal galego; e esa relevancia produce de seu unha maior confianza neses países, que ademais son os máis desenvolvidos do estado, sendo o seu sinal nacional a marca tamén dunha calidade específica. Así, esas nacionalidades poden apreciar as vantaxes desta cadea de deducións positivas que as converten en lugares privilexiados para moitas cousas importantes. Todo isto non é unha sorte de maxia simbólica e económica, é a constatación dun feito sociolóxico ben relevante: os pobos que teñen e executan unidos a súa potencia nacional farán mellor o proceso de modernización, velaí o caso de Cataluña e Euskadi.

Non é maxia, é a constatación, tamén, de que a inexistencia dunha alternativa nacionalista unitaria, ben na conciencia da xente, ben nalgún partido ou organización, non favoreceu un proceso axeitado de modernización en Galicia alá no tempo preciso, e vaise converter, Galicia, máis nunha parte da conciencia central ca nunha nacionalidade unida arredor dunha vontade moderna e modernizadora. Probablemente os motivos históricos son complexos e de non doado estudo, tendo que ver, sen dúbida, coa propiedade histórica da terra, o seu desmesurado minifundismo e a dificultade histórica, nese contexto de propiedade, para a acumulación privada de capital e os investimentos produtivos. A idea que tiña a Igrexa sobre a estrutura económica tampouco axudou á modernización nin á emerxencia doutras organizacións eficientes.

Ter unha lingua propia é a consecuencia dunha dinámica propia e nacional que Galicia herda dos vellos tempos suevos, romanos e prerromanos, nos que xa aparece un mundo peculiar no que van medrando linguas segundo os contactos co exterior e as tradicións locais, culturalmente definidas dende unha profunda pegada celta que vai marcar a cultura fonda do país nos seus niveis antropolóxicos. A fase latina de creatividade lingüística vai deixar a Galicia cunha lingua romance cruzada de substratos xermánicos e celtas, cando menos, que cada día son mellor estudados e interpretados polos especialistas, que agora van debuxando, devagar, a historia da nosa lingua.

Ter unha lingua propia é unha vantaxe de saída, pero non necesariamente de chegada. De feito, e contra toda evidencia, mesmo histórica (historia das linguas peninsulares), sempre se presentaron en España o catalán e o galego como dous dialectos «rurais» do castelán (hoxe chamado «español»), sendo a lingua éuscara unha lingua rara e primitiva inservíbel para a ciencia, o pensamento e a vida moderna. Non paga a pena deterse nestas babecadas que o tempo foi pondo no seu lugar, apenas como intres nos que a construción do centro político, económico e xeográfico da península quixo, e case conseguiu, facer desaparecer os sinais diferenciais das nacións históricas que, elas si, existiron dende hai moitos séculos.

Ter unha lingua propia foi cousa rexeitábel durante longo tempo, e só a xestión desa lingua por organizacións politicamente eficientes foi crebando ese movemento destrutor e facendo desa lingua un instrumento de identidade e aprecio para esas nacións históricas. Non foi o caso de Galicia, que non vai pór a súa identidade na negociación de facto que se fai co centro do estado: non a vai pór, enténdase, como condición básica da súa integración no estado central. Ninguén defendeu, entre as clases burguesas históricas, o prezo simbólico e lingüístico de Galicia. Ninguén precisou desa carta de xogo, desa identidade que cómpre gardar; e cando alguén comeza a pensar niso, veñen o golpe de estado e a guerra civil. A Galicia actual é, en grande parte, o produto desa guerra. O bando vencedor non apreciaba nin a identidade nacional de Galicia nin a súa lingua.

O cambio de goberno autonómico no 2009

A vitoria de Feijóo e o PP nas autonómicas do 2009 pon no goberno de Galicia un PP que non é nin o da boina (rural) nin o do barrete (urbano ilustrado), senón un PP moi urbanizado, máis pequeno burgués ca propiamente burgués, desgaleguizado en moitos dos seus afiliados, votantes e dirixentes. É a emerxencia dun importante sector urbano apoiado nas vellas clases medias (clases históricas, sobre todo do primeiro franquismo) pero propiamente transversal á estrutura social, moi socializado polo franquismo, ben directamente ben a través dos pais e avós. Nesta mentalidade pequenoburguesa, o galego é unha marca rural, ergo, unha marca de atraso. Non son clases ilustradas no senso pleno, non son, dende logo, digamos, sectores humanistas. Ao contrario, carrexan toda a mitoloxía pseudomoderna confrontada co conservacionismo do medio, da lingua e da mesma Galicia como nación ou nacionalidade pero, malia iso, con frecuencia proclámanse conservadores. Que conservan? O novo PP ten moitos destes trazos e perdeu case toda referencia populista, base dos gobernos de Fraga. Tamén o apoio social é máis curto e volátil, e a súa vitoria non foi por votos, que tivo menos ca o bipartito, senón por escanos.

Esta nova dereita non ten en grande estima o galego, non é unha dereita ilustrada e non ten razóns especiais para falar ou loitar por conservar a nosa lingua. E pese a todo, esa xente é precisa para o galego iniciar a recuperación e a afirmación como lingua nacional. Artellar estratexias para lle levar a esta xente conservadora e pouco amiga do galego un certo aprecio á lingua é tarefa non doada mais necesaria.

Se teñen que morrer, que morran

Tres cousas van influír de xeito concluínte na perda crecente das linguas históricas, agás o castelán (que, por certo, deixou de ser lingua para ser un dialecto do español, segundo os magos de quita e pon), do que hoxe é España: a construción da mesma España desde o Reino de Castela e os procesos socioeconómicos unidos a isto, coa prioridade dunha lingua franca, que é o castelán; a actividade política, directa ou indirecta, encamiñada a puxar dese proceso de perda das linguas periféricas e, finalmente, os propios procesos de economía lingüística a carón da interacción comercial e simbólica entre os vellos reinos e rexións.

Todo iso leva á perda do éuscaro, coa súa fase de diglosia ou de lingua rural fronte á lingua urbana, que é o mesmo que lle pasou ao galego (a súa supervivencia estaba unida á supervivencia, tamén, dun sector rural moi amplo, xa case inexistente) e que, só en parte, pasou co catalán, que liga a súa supervivencia non só a clases rurais, senón a clases medias e altas, pola súa propia historia de competencia clara entre burguesías comerciais de seu e alleas, o que converte o catalán en símbolo interclasista fronte ao castelán.

A situación actual das tres linguas, tanto no seu territorio autonómico como noutros territorios da mesma lingua, é de declive a medio e longo prazo, e unha certa e enganosa estabilidade a curto prazo. Só algúns síntomas permiten ser algo máis optimistas: a actividade política autonómica encamiñada a recuperar as linguas, a formación de elites determinantes que usan esas linguas e a vontade dos non falantes de se integraren nesas linguas sen se oporen aos plans ecolóxicos de recuperación. Este último factor pode ser o definitivo nos lugares con peor futuro obxectivo, que son Galicia e Euskadi.

Para que este factor funcione dabondo é preciso un certo pacto sociopolítico de estado, non por forza escrito. En termos políticos, poderíase presentar como un pacto entre o PP, o PSOE e os partidos nacionalistas o autóctonos. De feito, o PSOE non parece oporse á recuperación do idioma nas nacionalidades que loitan por conseguilo. O PP fixo noutros tempos leis de recuperación, cando gobernaba en Galicia. Estas leis de recuperación, que aplicou o bipartito modificando algunhas cousas, han ser verificadas durante un tempo para ser ou non modificadas e axustadas á súa suposta funcionalidade de recuperación. E se isto é así, é probábel que as predicións a medio e curto andar sexan máis optimistas, aínda quedando por avaliar o factor principal, que é o impacto dos medios, as novas tecnoloxías e demais engadidos da nova modernidade, para ver en que medida afectan a esas recuperacións lingüísticas. A presenza dos medios é maiormente en castelán, o mesmo que o conxunto das novas tecnoloxías.

Xa que todo isto semella vivíreno aínda máis como un drama aqueles que deben ceder algo (castelanfalantes) ca aqueloutros que tratan de gañar algo (localfalantes), é importante situar o problema da coexistencia lingüística non só no territorio dos intereses máis obvios, senón no dos intereses a longo prazo, máis necesarios estes para a estabilidade de todos e do estado, máis garantes dun bo futuro simétrico e xusto.

Neste senso, é posíbel falar dunha certa ética lingüística, en liña ecolóxica ou conservadora, que complementaría o traballo político e institucional con vistas á conservación idiomática. Detrás de todo isto está algo máis ca un interese «nacionalista» por afirmar un territorio en todos os seus parámetros: estaría a asunción de que unha lingua é un ben común de primeira orde, e que hai lugares que viron perder as súas linguas, ou que as ven perder día a día, sen que ningunha conciencia ética allea ao problema enuncie ese problema con toda a súa radical razón científica.

Apenas se oen laios pouco solidarios (que pena, pero si se tiene que morir que se muera) ou enunciados de boa vontade sen operatividade ningunha sobre o terreo. Todo isto xera a idea de que non lles importa absolutamente nada que esas linguas desaparezan, e se isto é así, e dende a outra perspectiva, toda agresividade contra ese importante grupo de activistas non ecolóxicos é boa. Pero isto é unha patoloxía relacional que cumpriría superar.

Non contribúe a isto a aparición de pequenos grupos políticos, á dereita lingüística mesmo do Partido Popular nestas cuestións, e que introducen decontino elementos de confrontación no debate social, en xeral pouco fundados, sen a menor consideración para o declive lingüístico, atizando os peores escenarios de futuro. Só o seu problema é o problema.

Pero o problema é común, ou debería selo. Por pór un exemplo: o español ten unha vida longa pero limitada, e todo sinala que non poderá competir co inglés, cando menos nun futuro suficiente. En dúas ou tres xeracións desaparecerá de xeito significativo dos Estados Unidos, como xa pasou co italiano, se as cousas ocorren como é previsíbel. E todo iso mentres as elites latinoamericanas falan inglés cada día máis, cando non spanglish. Isto é o científico e o racional, máis alá dos delirios imperiais dalgún franquista serodio ou de alguén mal informado.

É dicir: sendo doutra magnitude temporal e espacial, o español terá graves problemas, e non é difícil de imaxinar os futuros loitadores pola súa supervivencia atacados de forma implacábel polos mesmos de sempre (si se tiene que morir que se muera). Para entón, o galego, o éuscaro e o catalán terán desaparecido. Todo isto entra no máis probábel se non hai mecanismos de corrección. Pero ha de habelos: outro futuro para as linguas é posíbel.

E posíbel? A verdade é que resulta pouco doado crer en tal cousa ou crer na reversibilidade da capa de ozono ou do cambio climático. Semellan pasos firmes dunha humanidade moi entolecida. Unha clara deformación do pensamento liberal clásico veu conducir a unha xustificación de toda aldraxe desa orde no nome dun neoliberalismo cuxa influencia é notábel. Mesmo ten furado mentes socialdemócratas, cando non libertarias ou algo parecido. Niso consiste o éxito dunha ideoloxía. Os idiomas en declive non son unha excepción a esa lóxica brutal que o xustifica todo no nome dunha liberdade que só existe como instrumento do derrubo da natureza ou das linguas, entre outras nenadas.

No meu caso concreto, como galego, debo comunicar que na miña terra van desaparecendo a paso firme dúas cousas cando menos: as marabillosas costas que lle deron sona e que son lugares que só chaman por ti cando conservan a súa esencia primixenia de beleza e lecer (é rendíbel conservar certas cousas), e o idioma orixinal que deu voz a este pobo e a outros moitos. Para que preocuparse: si se tienen que morir que se mueran.







Workers of the World é a revista editada pola Asociación Internacional de Folgas e Conflitos Sociais (Strikes and Conflicts International Association), da que é membro fundador e forma parte activa a Rede de Arquivos Históricos de CCOO. Esta revista pretende estimular o estudo do traballo e da conflitividade social dende unha perspectiva global e a longo prazo, transcendendo os enfoque nacionais ou conxunturais e adoptando, aí mesmo, un enfoque crítico e multidisciplinar.

© 2019 Fundación 10 de Marzo Vía Edison, nº 1 - C Polígono do Tambre 15890 - Santiago - Tfno. 981 574 082 - f10m.sn@galicia.ccoo.es