O DEBATE MÁIS INTENSO.- Antón Baamonde

01/01/1970  

O DEBATE MÁIS INTENSO

Antón Baamonde

No último ano Galicia viviu o debate máis intenso arredor do seu idioma no transcurso da súa historia. Entre amigos, nas familias, nos centros educativos, nos bares e non importa en qué outros lugares de relación informal: en todas parte suscitouse con maior ou menor intensidade a cuestión. Puido comprobarse que os investimentos de paixón que levanta a cuestión son moi considerables, e que a polémica que xera ten o poder de crear moi definidas liñas de demarcación.

O detonante foi, sen dúbida, a campaña electoral, na que o PP deulle voz e tomou como propios os argumentos de Galicia Bilingüe, unha pequena organización que combina trazos estrafalarios con argumentos de certa sofisticación e probada eficacia. Do primeiro ao último mitin a dereita insistiu en que Galicia vivía baixo unha ditadura lingüística, na que un puñado de radicais practicaban ás súas anchas a imposición do galego. Segundo esa versión, ao aprobar o decreto no ano 2007, que regula a presenza do galego no sistema educativo, a conselleira, a socialista Laura Sánchez Piñón, sucumbiu á lóxica dos nacionalistas e, por tanto, á do totalitarismo, dado que ambos termos son intercambiables. Os grandes xornais do país, “La Voz de Galicia” e o “Faro de Vigo” formaron parte dunha estratexia que, evidentemente, buscaba o xiro electoral.

A liña argumental de ningún modo era nova, nin específica de Galicia. Dende hai xa case dúas décadas a dereita española, a través dos seus órganos de expresión e comunicación, foi elaborando eses targets que posúen grandes vantaxes estratéxicas para eles. Calquera que teña prestado atención aos medios da dereita e da extrema dereita, fose a COPE, El Mundo, La Razón ou o ABC, ou, á nova xeración de medios audiovisuais -aínda máis radicalizados- tipo Intereconomía, Veo TV, Popular Tv, etc., sabe que o da “imposición lingüïstica” é un dos leit-motivs fundamentais na súa estratexia e que ese eixo foi acentuado na época de Aznar, cando os conservadores adaptaron ao territorio as técnicas publicitarias e de marketing político dos neocons americanos.

Para eles tratase de polarizar insinuando que os seus competidores non son o bastante españois. No caso galego, a insistencia na pretendida “imposición” do idioma intentaba evitar a perda de ningún voto da dereita por mor de UPyD e crear a defección dunha parte dos electores do bipartito, aqueles máis susceptibles de ser influídos pola propaganda do novo centralismo español. Pero a mesma lóxica pode estenderse á totalidade do Estado dado que o temor á extensión do uso dos idiomas non casteláns nos seus territorios, cataliza e mobiliza o españolismo basal dunha parte significativa da sociedade. Esa temperatura basal é de fondo franquista, nacional-católico, pero non só: Rosa Díaz é un exemplo, pero poderían citarse moitos outros. Ademais, esa variante de “caza de bruxas” (feita, como o seu primeiro modelo, en nome da liberdade) ten a virtude de estreitar, de ter éxito, as posibilidades de pacto do seu principal competidor -o PSOE- facendo eventualmente imposibles formas de cogoberno cos grupos nacionalistas de dereita e esquerda que, ao fin e ao cabo, son o verdadeiro partido bisagra en España.

Patentemente foi con esa intención que Núñez Feijóo e os medios afíns -madrileños ou galegos- converteron esa cuestión nun dos centros da campaña electoral. Non quere dicirse, con iso, que no interior do PP e na súa base social esa mensaxe non teña calado dende hai tempo (ou, simplemente, “saído do armario”, unha vez perdido os nostálxicos do franquismo a súa vergoña). Corina Porro e moitos outros como ela avogan por esa política de desmontaxe da protección legal do galego porque a xulgan sinceramente inaceptable. De feito, no momento en que chegaron ao poder iniciaron un rápido movemento cuxo sentido final era facer do castelán o idioma por defecto e, por tanto, converter ao galego nunha mera posibilidade optativa. Tratouse, dende logo, dunha blitzkrieg, dunha guerra rápida que expresaba o que sectores máis ou menos consistentes de Vigo e a Coruña xuraban en privado pero non se atrevían a afirmar en público.

Ese intento atopou, sen embargo, e para grande sorpresa dos conservadores, unha enorme oposición. Foi interesante observar que o desgusto coa actitude do goberno alcanzaba segmentos sociais que non se daban por descontado e que finalmente foron quen de virar o rumbo do que ata ese momento parecía conformar a atmosfera social. O que poderíamos denominar clase media establecida sentiuse molesta con medidas que non parecían xustificadas e que corrían o risco de crear unha fractura social, non vista antes no país. De feito, se no momento das eleccións o item “imposición” atopou o seu cénit, moi rapidamente decaeu para ser substituído pola presunción xeral de que o goberno estaba creando un problema que non tiña existido antes. A ese factor sumábase a estendida impresión de que o que o guiaba a ese goberno era unha teima contra o galego que só podía explicarse, ademais de pola presión de sectores moi localizados, polas débedas de Núñez Feijóo con certos medios madrileños -recentemente foi case humillado nas antenas da COPE- e pola súa pretendida ambición de chegar a ser candidato á presidencia do goberno central.

No momento en que escribo estas páxinas estamos nun impasse, á espera do novo decreto. A confusión acerca das bases sobre as que se articulará o novo marco legal segue sendo absoluta, probablemente a causa das diferenzas internas dentro do PP ou do goberno, que finalmente inclinarán o fiel da balanza nun sentido ou noutro. Os sinais que se poden ler na prensa, a supresión da obrigatoriedade dun exame en galego nas oposicións, non permiten o optimismo, a pesar de signos anteriores que facían pensar que desistirían da súa obcecación. En todo caso, este ano de discusión debería ternos deixado algunhas ensinanzas.

A primeira, que o que parecía estar claro, non o está. O consenso que parecía existir sobre a normalización da lingua galega foi estoupado. Polo PP pero tamén polos segmentos sociais que escoitan os seus cantos de serea. Probablemente poden localizarse eses sectores entre os que dan sostén á dereita máis dura e aqueles que están máis influídos polas mensaxes dos medios madrileños afíns a ela. No caso galego, intuitivamente podemos colexir que se trata desas clases medias urbanas que envían aos seus fillos a colexios privados e que teñen no barrio de Salamanca un paradigma do que queren ser. Hai datos máis obxectivos, sen embargo, que abonan esa intuición. E, por suposto, o Opus e arredores. Habería que facer mención aparte ao papel que ten xogado o “Faro de Vigo”, que foi o xornal galego que máis eco lle deu a tales puntos de vista, aínda que a Voz de Galicia leve a fama.

A segunda, que esa “normalización” ten bases moi fráxiles. O tal consenso consistía, en realidade, na aprobación de diferentes leis que significaban un avance nominal pero que contaban, despois, coa vista gorda por parte das autoridades de non importa qué nivel. Iso permitía, a quen quixera desenvolverse en galego, facelo, e a quen non, facer caso omiso. O fraguismo mantivo así un punto de equilibrio, sobre o que cabe discutir se representaba unha actitude intelixente e axeitada á demanda de fondo do país ou non, pero ao que xa non cabe volver. Os últimos acontecementos obrigarán no futuro a unha maior decantación das forzas políticas e sociais nun ou noutro sentido. O verdadeiro efecto a longo prazo da ruptura do escenario radica aí.

Hai que dar por sentado que levar á práctica leis que demandan a colaboración da sociedade civil e, en primeira instancia, de diversos tipos de funcionarios esixe flexibilidade e capacidade de diálogo. Toda Administración ten que partir de aí, nun terreo tan sensible e complexo, no que se xogan principios de distinto nivel e lealdades ás veces confusas, antes de establecer procedementos coactivos ou sancións. Isto é algo que non deberían esquecer aqueles partidarios da normalización que lle botaron irresponsablemente leña ao lume e que son incapaces de tomar en consideración que unha parte do futuro do idioma está baseado en que o seu uso conforme un prestixio digno de ser emulado e que, por tanto, opere como prescrición.

Queda en pé, con todo, que en Galicia nunca se puxo en práctica un verdadeiro plan de normalización lingüística, nin tan sequera polos nacionalistas alí onde gobernaron. Non sobraron ideas, nin accións. Todo tende a descargarse sobre a Administración autonómica, como se os concellos -véxase o exemplo positivo de Santiago- non tiveran sensibles efectos sobre empresarios, profesionais e comerciantes, ademais de sobre os cidadáns tomados de modo xeral. Ou como se a sociedade civil non tivera un papel, con iniciativas que merecen ser apoiadas. En todo caso, as accións e normas teñen que crear efectos de emulación, modas, etc. O así chamado “poder brando” que opera en favor do castelán -en particular na esfera mediática: tvs, radios, xornais, etc- é susceptible de ser virado para o galego canda menos parcialmente. Non necesitamos nin dogmáticos, nin antipáticos, nin a clase de xente que exerce efectos disuasorios. Unha vez dito isto, non teño que ir moi lonxe para constatar que efectuar unha sesión clínica en galego nun hospital do Sergas segue sendo unha proeza que poucos valentes se atreven a afrontar, para dar só un exemplo dos moitos ámbitos nos que o galego está aínda, de feito, excluído.

A terceira, que as actitudes de fondo da sociedade galega encerran, sen embargo, algunhas sorpresas positivas. A propia mobilización foi, en grande medida, produto da espontaneidade de xentes que non seguían consignas, nin tan sequera aquelas coas que estaban de acordo. Sucede ademais, que certos informes parecen suxerir –dígoo deste modo tan condicional- que a curva de descenso dos usuarios do galego está freándose. Ou dito doutra maneira: parece que por primeira vez se rexistra un chan para o galego. Aqueles que se expresan usualmente nese idioma fano xa nunha porcentaxe elevada por convicción, e non só por mor da influencia do medio inmediato, que máis ben fai presión en sentido contrario en case todas as atmosferas do país, exceptuando moi raros medios.

A cuarta, que os argumentos daqueles que nos sitúamos no campo da defensa do galego tiveron que facerse máis sutís, baixo a forza dos acontecementos, e tamén máis explícitos en certos respectos. En particular, foi importante ligar a defensa do galego á Constitución, aos pronunciamentos do Tribunal Constitucional, ao Estatuto de Autonomía e ás diversas leis que, dimanando desas fontes, operan nese ámbito. Non só porque así queda máis claro o carácter pre-constitucional e o fondo anti-pluralista daqueles que pretenden tanto a hexemonía do castelán (baixo o simpático nome de “lengua común”) como limitar os usos e ámbitos do galego. Tamén porque ese horizonte explícita que non cabe utilizar o fantasma do monolingüísmo en galego. Non hai dúbida de que hai sectores que soñarían con esa posibilidade, pero a defensa do galego por parte da maioría da poboación toma como punto de partida a súa coexistencia co castelán e a constatación que dos dous idiomas é o galego o que está na situación de maior desprotección.

A quinta, que en última instancia a sorte do galego depende do uso voluntario e da acción proactiva por parte da xente. Esta é unha verdade moi simple, case naïf, que, sen embargo, conviría non esquecer. O partido non se xoga só no terreo da administración, senón tamén no da vontade libre dos galegos que encerra, tomados como un todo, algunhas ambigüidades. De feito, o resultado do pasado ano de controversia podería describirse, a día de hoxe, como unha especie de empate técnico. O grande erro do goberno foi supoñer que contaba coa aquiescencia activa ou pasiva da poboación para avalar a súa teima contra o galego, que só é representativa de ambientes moi reducidos. Contra o dereito do galego a estar en igualdade de condicións co castelán hai moi pouca xente que queira estar. Non é o caso, dende logo, da maioría dos castelán falantes. Ao contrario, moitos entre eles son favorables a que ocupe maiores espazos. Pero, por outro lado, non pode ignorarse un certo peso dos que teñen opinións non moi lonxe das que caracterizan a GB.

A sexta, que o vocabulario da liberdade non pode ser deixado nas mans dos seus inimigos. A mesma dereita que brama contra o dereito das mulleres a decidir acerca da interrupción do embarazo, a que bramou antes contra o divorcio; a que se manifesta en contra do dereito de homosexuais e lesbianas a casar; a dereita que non se recata en referirse con cariñosa morriña ao “Caudillo” (véxase ese “El gato al agua” tan frecuentado por Feijóo); a que nin de broma acepta que o Estatuto votado polos cataláns e confirmado polas Cortes Españolas sexa posto en práctica… Esa dereita eterna que se nega ou á que aínda lle costa condenar ao franquismo e afirmar sen ambaxes que a ditadura foi unha forma de fascismo, é a que enche a súa boca coa apelación ao dereito dos pais a decidir e a que ve todo equilibrio entre os diferentes idiomas de España -pois todos eles o son- un atentado contra a unidade, como se non entendesen que España, ou é plural, ou non é España.

Agora ben, dito todo isto, o futuro do galego depende de procesos sociais de longo alcance cuxo sentido é difícil presumir a día de hoxe. Sabemos que nas últimas décadas o galego perdeu falantes a chorro e que entre os máis novos e nas cidades está comezando a ser non sei se unha rareza, pero algo parecido. É moi posible que a curva siga descendendo ata unha porcentaxe na que se estabilice -como insinúan os datos do CIS que xa está o ocorrer- e que, cando o faga, os seus usuarios se localicen máis ben nas clases medias que estritamente entre as populares. Cabe que, sobre esa base se recupere, dado que as actitudes cara el parecen ser hoxe máis positivas do que o foron noutros momento do noso pasado como o puxo de relevo o alcance da contestación das medidas do goberno. É moi posible que tamén aquí esteamos ante un índice do cambio social en Galicia que aínda non sabemos detectar con claridade. Ou non. O futuro, como sempre, non está escrito.







Workers of the World é a revista editada pola Asociación Internacional de Folgas e Conflitos Sociais (Strikes and Conflicts International Association), da que é membro fundador e forma parte activa a Rede de Arquivos Históricos de CCOO. Esta revista pretende estimular o estudo do traballo e da conflitividade social dende unha perspectiva global e a longo prazo, transcendendo os enfoque nacionais ou conxunturais e adoptando, aí mesmo, un enfoque crítico e multidisciplinar.

© 2019 Fundación 10 de Marzo Vía Edison, nº 1 - C Polígono do Tambre 15890 - Santiago - Tfno. 981 574 082 - f10m.sn@galicia.ccoo.es