INTERVENCIÓN NO ACTO CÍVICO «LINGUA DE LIBERDADE».- Xosé Manuel Sánchez Aguión

01/01/1970  

Amigas e amigos:

Eu podería comezar este parlamento facendo unha acendida defensa da lingua galega; seguramente espertaría o entusiasmo do auditorio, pero tamén estou convencido de que só contribuiría a estimular a face simbólica ou mitolóxica da nosa lingua e non achegaría nada práctico para a súa promoción e uso.

As linguas son, amigos e amigas, patrimonio da cidadanía; e máis aló da súa indiscutible condición identitaria, han servir para aquilo que está na súa orixe: seren vehículos de comunicación e de expresión.

Máis de trinta anos de liberdade garantida por unha Constitución democrática e un Estado de dereito demóstrannos que existen dereitos formais concretados, no caso da lingua, na cooficialidade. Pero os cidadáns e cidadás, suxeitos de tales dereitos, parece que non os usan como cabería esperar.

«Todos somos iguais ante a lei, pero non diante dos encargados de aplicala», dicía don Miguel de Unamuno.

A sentenza de don Miguel ten perfecta vixencia hoxe en día, se nos referimos aos dereitos lingüísticos do pobo galego. Pero temos que andar con moito tino para non caermos na tentación de comportarnos coma histrións e que pola nosa sobreactuación se nos catalogue como tales.

Esa maneira groseira que ten a dereita galega de entender a liberdade lingüística supón que, fronte á liberdade recoñecida en forma de cooficialidade das linguas galega e castelá, se pretenda alimentar unha imaxinaria pelexa entre linguas que nada ten que ver coa realidade social.

A lingua galega, insisto, queridos amigos, é patrimonio dos cidadáns e as cidadás e, como tal, non se pode apropiar dela ningún goberno nin ningunha ideoloxía. A defensa do dereito da cidadanía a se expresar en calquera das linguas cooficiais é consubstancial á liberdade, e simbolicamente compartimos a frase de Voltaire que di, máis ou menos, «non estou de acordo co que dis, pero sempre defenderei que teñas dereito a dicilo».

A dereita galega fixo un recoñecemento formal da cooficialidade das linguas galega e castelá desde o Estatuto de Autonomía de 1981 e a Lei de normalización lingüística de 1983. Mesmo o Plan de normalización lingüística de 2004 acadou un amplo consenso parlamentario, que debería levar consigo o pulo efectivo da liberdade de uso de calquera das dúas linguas cooficiais. Pero fronte a un recoñecemento formal, prodúcese un flagrante incumprimento das obrigas como goberno.

O tratamento ás claras discriminatorio da lingua galega, na súa condición de lingua cooficial, no acceso á función pública de carácter administrativo, deixa –polo menos no plano formal– os cidadáns e cidadás que queiran usar o galego en manifesta desigualdade de condicións, e introduce na función pública a imaxe enganosa de que os dereitos lingüísticos dependen da vontade do funcionariado e cuestiona aparentemente que os funcionarios están para servir a cidadanía e, singularmente, para garantir os seus dereitos, tamén os lingüísticos. O funcionariado ten basicamente obrigas lingüísticas, e os seus dereitos están limitados polos dereitos dos usuarios que por imperativo legal han respectar e promover.

Un tratamento igual das linguas cooficiais no acceso á función pública é o único xeito de garantir a cooficialidade efectiva e, en consecuencia, a liberdade real dos cidadáns e cidadás a usaren a lingua que escollan. Se, pola contra, lle damos prioridade deliberadamente a unha das linguas en prexuízo da outra, estaremos sinxelamente cometendo unha fraude.

Os dereitos da cidadanía son obrigas para os poderes públicos. Enunciar dereitos sen desenvolver de modo adecuado e efectivo as obrigas das administracións supón un engano colectivo e unha deslealdade que os cidadáns deben coñecer.

Dúas son as obrigas básicas da Administración para garantir a libre escolla de lingua da cidadanía:

a)O tratamento igualitario na esixencia de coñecer as dúas linguas cooficiais para acceder á Función pública, onde estean en xogo dereitos cidadáns.

b)As medidas para promover que coñezan ambas as linguas aqueles empregados e empregadas públicos dos que dependa, pola súa función, garantir os dereitos lingüísticos dos cidadáns.

O inmediato campo da polémica está no ensino. A cooficialidade das dúas linguas é un dereito para os educandos, que se concreta no dereito a remataren o ensino obrigatorio con competencias similares en ambas. Iso daralles efectivamente a liberdade de escolla no uso da lingua, que é o auténtico sentido da cooficialidade.

Pero Galicia non é un país uniforme en materia lingüística: a garantía de posuír competencias lingüísticas ao remate do ensino obrigatorio non se logrará coa aplicación de regras uniformes en todo o territorio. Ao contrario, a única maneira de garantir a igualdade de coñecementos e de dominio no uso dos dous idiomas oficiais será establecendo uns obxectivos claros e adaptando os medios en función das características sociolingüísticas do territorio. A garantía da liberdade ten que comezar por aí.

Para rematar, quero reafirmar o compromiso inequívoco do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia na defensa dos dereitos lingüísticos das cidadás e os cidadáns de Galicia, e nos termos de racionalidade que antes enunciaba:

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia, defínese como un sindicato de clase e nacional, que une a loita polos dereitos sociais coa loita polos dereitos nacionais, e considera que estes elementos forman parte dun mesmo proceso.

En CCOO de Galicia consideramos que o coñecemento e o uso do galego constitúe un dereito cidadán que as administracións teñen que garantir.

O coñecemento e o uso xeneralizado de ambas as linguas cooficiais ten que converterse nun factor de cohesión social favorecedor do acceso aos dereitos básicos ao traballo, á saúde, á educación e á participación. Debe ser, en definitiva, un instrumento de integración social e non de discriminación.

De que a lingua galega é un factor de identificación do pobo galego non pode cabe a menor dúbida. Pero os cidadáns e cidadás galegos temos que asentar a nosa ilusión colectiva tamén sobre outros elementos. A ampliación dos dereitos sociais, a igualdade de oportunidades de todas as persoas e a consecución de maiores niveis de benestar para todas deben estar no horizonte da nosa identificación como país.

É este convencemento o que nos leva a afirmar que as políticas de promoción do uso da lingua galega non se poden desvincular das políticas de mellora da calidade do emprego, de mellora da educación ou do acceso a unha vivenda digna, entre outros servizos básicos. Desde o noso punto de vista, a ampliación dos dereitos sociais da cidadanía e a xeneralización dos niveis de benestar reforzan a cohesión e a complicidade no uso da lingua propia.

Rexeitamos rotundamente os intentos do Goberno do Partido Popular de Galicia de utilizar a lingua galega como mercadoría electoral ou, se acaso, como mercadoría privada dalgún dos seus líderes para acadar obxectivos políticos alén do territorio galego!

Rexeitamos calquera intento de patrimonialización da lingua galega! A lingua é patrimonio singular de todos os cidadáns e cidadás de Galicia e, como tal, patrimonio da humanidade!

Rexeitamos calquera intento de estimular o enfrontamento entre linguas cooficiais, conscientes de que a aplicación correcta do marco normativo actual e a recuperación do consenso son a única oportunidade de garantir os dereitos lingüísticos do pobo galego!

Defenderemos a lingua galega desde a racionalidade normativa do seu carácter de lingua cooficial, e defenderemos o dereito da cidadanía a coñecela, a usala e a obter a resposta das administracións en lingua galega cando así o demande!

ESTAS SON AS POSICIÓNS QUE DEFENDEMOS EN CCOO!







Workers of the World é a revista editada pola Asociación Internacional de Folgas e Conflitos Sociais (Strikes and Conflicts International Association), da que é membro fundador e forma parte activa a Rede de Arquivos Históricos de CCOO. Esta revista pretende estimular o estudo do traballo e da conflitividade social dende unha perspectiva global e a longo prazo, transcendendo os enfoque nacionais ou conxunturais e adoptando, aí mesmo, un enfoque crítico e multidisciplinar.

© 2019 Fundación 10 de Marzo Vía Edison, nº 1 - C Polígono do Tambre 15890 - Santiago - Tfno. 981 574 082 - f10m.sn@galicia.ccoo.es