Estatutos da Fundación 10 de Marzo

01/01/1970  

CAPÍTULO I

Artigo 1º

A Fundación 10 de Marzo é unha institución cultural privada e de carácter permanente, sen ánimo de  lucro, que se atopa inscrita co número 15 no rexistro do Protectorado de Fundacións de Interese Galego da Xunta de Galicia.

Artigo 2º

1.A Fundación ten personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, sen outras limitacións que as establecidas polas leis e por estes Estatutos.

2.A Fundación terá unha duración ilimitada, salvo o recollido nos artigos 22 e 23 dos Estatutos.

Artigo 3º

O cumprimento dos fins fundacionais e todo canto a eles atinxe queda confiado ó seu Padroado sen limitación ningunha nas súas actuacións e sen prexuízo do establecido nos presentes Estatutos e o establecido, con carácter xeral e obrigatorio, nas disposicións legais aplicables.

Artigo 4º

O domicilio da Fundación fixase na r/ Vía Edison, nº1-C, Polígono do Tambre, C. P. 15890, Santiago de Compostela. O Padroado ten facultades para proceder á súa modificación, coa obriga de poñelo en coñecemento do Protectorado co obxecto da súa inscrición no correspondente rexistro de fundacións.

A Fundación, para o desenvolvemento do seu labor, pode crear establecementos e dependencias noutras cidades de Galicia, cando así o acorde o Padroado.

CAPÍTULO II

OBXECTO E FINALIDADE

Artigo 5º

Os fins da Fundación son os seguintes:

a) Fomentar o coñecemento e a difusión da cultura sindicalista definida polos Estatutos e a acción do Sindicato Nacional de CC.00. de Galicia, moi especialmente a cultura propiciadora da unidade da clase obreira galega nun sindicalismo democrático, pluralista, participativo e independente.

b) Promover, organizar e desenvolver actividades formativas, dirixidas especificamente ó profesorado dos distintos niveis do ensino, en relación coas materias definidas no apartado anterior.

c) Axudar ó estudo e investigación da historia do sindicalismo galego.

d) Elaborar e subministrar información sobre calquera tema de interese para a clase traballadora.

e) Fomentar o estudo e investigación no ámbito das ciencias económicas e sociais para o mellor cumprimento dos fins anteriores.

f) Calquera outros fins que o Padroado considere de interese.

Artigo 6º

Para o cumprimento dos seus fins, a Fundación ocuparase, entre outras, das seguintes actividades:

a) Organizar cursos, ciclos de conferencias, congresos, simposios, coloquios e sesións de estudo e de formación sobre temas relacionados coa economía, as ciencias sociais e o pensamento e a acción sindical.

b) Redactar, editar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións, periódicas ou non, de información, formación e divulgación sobre os temas enumerados nos artigos 5º e 6º.

c) Promover, organizar e dirixir a celebración de exposicións, feiras e salóns monográficos, periódicos e permanentes, fixos ou itinerantes, sobre os temasrelacionados co pensamento e a acción sindical.

d) Organizar campañas de prensa, radio, televisión e noutros medios de comunicación, que permitan a difusión do pensamento e a acción sindical:

e) Conceder bolsas de estudo e de formación nas materias que teñan relación co pensamento e a acción sindical.

f) Calquera outras actividades que lle permitan á Fundación o mellor cumprimento dos seus fins.

Artigo 7º

A Fundación atenderá principalmente a formación dos afiliados e afiliadas de CC.00. e daquelas persoas que sexan presentadas por este Sindicato ou polo propio Padroado da Fundación.

Atenderá tamén as solicitudes de entidades públicas e privadas para facilitar servizos de formación, estudo, investigación, etc., sempre que o Padroado o crea oportuno.

CAPITULO III

ÓRGANOS

Artigo 8º

A representación, o goberno e a administración da Fundación quedan atribuídas o seu Padroado.

Artigo 9º

0 Padroado será designado pola Comisión Executiva do Sindicato Nacional de CC.00. de Galicia, podendo incluírse entre os seus membros compoñentes da citada executiva e aqueloutros que este designe. En ningún caso, o seu número será inferior a tres.

A destitución dos membros do Padroado producirase por calquera das causas previstas no artigo 18 da Lei 50/2002, do 26 de decembro, e no artigo 12 do Decreto 248/1992, e ademais pola perda da condición de membro da Executiva Nacional, que suporá a destitución como membro do Padroado; neste caso, a Executiva designará o novo membro do Padroado.

Os candidatos deberán ser persoas destacadas no campo das artes, das ciencias ou das letras, ou na defensa e promoción dos fins que son propios da Fundación.

Artigo 10º

0 cargo de membro do Padroado desempeñarase gratuitamente, pero poderán asignarse axudas de custos para cubrir gastos de desprazamentos, que non excederán dos limites habituais.

Artigo 11º

1. Polo menos unha vez cada doce meses, reunirase o Padroado para a discusión e aprobación dos programas e do orzamento necesario para levalos a cabo. Na mesma reunión aprobaranse, de ser o caso, a memoria e as contas xerais do exercicio anterior. De ser necesario, a aprobación destes últimos documentos poderá pospoñerse a unha segunda reunión que se celebrará antes do 30 de xuño.

Na memoria especificaranse tamén os cambios producidos no investimento do patrimonio fundacional e na composición do Padroado. Así mesmo, consignarase a forma en que se cumpriu a obriga de dar publicidade suficiente ó seu obxectivo e actividades.

2. 0 Padroado elixirá de entre os seus membros, cada dous anos, un presidente, un secretario e un tesoureiro, que poderán ser reelixidos. No caso de que haxa varios candidatos, serán elixidos os que obteñan un maior número de votos.

3.O Presidente corresponderalle:

Desempeñar a representación da Fundación ante toda clase de persoas, autoridades públicas e privadas.
Convocar o Padroado, por propia iniciativa ou por pedimento de cinco membros, dirixir as súas deliberacións, suspender e rematar as sesións e desfacer os empates co seu voto de calidade e executar os acordos acadados.
Autorizar a asistencia doutras persoas ás reunións do Padroado, en calidade de acompañantes dos membros, se a súa presenza se xulga conveniente pola natureza das cuestión que haxa que debater.

Supervisar as operacións da Fundación e presentar ó Padroado os informes que considere oportunos.

Exercer, en caso de urxencia, toda clase de accións, excepcións e recursos xudiciais e administrativos en defensa dos dereitos e intereses da Fundación, dando conta disto na primeira sesión que se celebre no Padroado.

O presidente poderá delegar o exercicio das súas funcións, dando conta ó Padroado na primeira reunión que teña lugar.

O Padroado designará un secretario que terá ó seu cargo a dirección dos traballos administrativos da Fundación, custodiará a súa documentación e redactará as actas das sesións —que se transcribirán no libro de actas unha vez aprobadas e co visto e prace do presidente—, expedirá as certificacións e informes que cumpran.
O tesoureiro recadará e custodiará os fondos pertencentes á Fundación e terá ó seu cargo a presentación e asinamento do balance de ingresos e gastos.

Na primeira convocatoria, entenderase validamente constituído o Padroado cando dous terzos dos seus membros estean presentes. Na segunda convocatoria, que poderá celebrarse unha hora despois da citación primeira,
entenderase validamente constituído o Padroado cando estea presente a metade máis un dos seus membros e sempre que conste de xeito verificable que todos os membros do Padroado foran citados, O voto do presidente será de calidade en caso de empate.

O secretario redactará e asinará a certificación dos acordos do Padroado, e fará públicos aqueles que por esixencia legal ou convencional así se requira, comparecendo para isto diante dun notario, conxuntamente co presidente.
Os membros do Padroado non se poderán abster de votar ou votar en branco; tomaranse os acordos por maioría de votos.

Artigo 12º

A representación da Fundación, ademais do presidente, poden desempeñala os membros que foran expresamente delegados polo presidente.

Artigo 13º

Para a execución da vía de funcionamento establecida polo Padroado e para o cumprimento das uñas da Fundación, establécese unha Comisión Executiva formada polo presidente, o secretario e o tesoureiro e mais os membros doPadroado que este designe de entre os seus membros. Así mesmo, o presidente do Padroado terá a facultade de propoñer libremente a elección de dous membros.

A Comisión Executiva, por proposta do presidente, elixirá de entre os seus membros o director ou directores da Fundación, que terán as funcións que se sinalan no Regulamento de Funcionamento da Fundación.

Artigo 14º

A Comisión Executiva terá a facultade de nomear e revogar o director ou directores dos departamentos que se creen no cadro das actividades da Fundación.

Elaborará o Plan anual de actividades de acordo co obxecto da Fundación e tomando como base as recomendacións do Padroado, ante quen será presentado para a súa aprobación.

Programará e aprobará as propostas de actuacións derivadas da execución do Plan anual de actividades.
Aprobará as actuacións que, axustándose ós fins fundacionais, non estean previstas no Plan anual de actividades, sempre que non superen os 12.000 euros.

Autorizará os gastos derivados de todas as actuacións, tanto as que sexan consecuencia da execución do Plan anual de actividades como as non previstas no Plan que sexan aprobadas.

Presentará ante o Padroado, para a súa aprobación, propostas de normas e regulamentos que rexan as actividades da Fundación así como daquelas que rexan as súas dependencias e a utilización dos bens e servizos prestados por ela.

Dirixir, xestionar e supervisar a organización e a execución das actividades da Fundación conforme as directrices do Padroado, de xeito que conduzan á consecución e mantemento do seu obxecto.

Elaborar informes no exercicio das súas competencias, que sexan solicitados polo Padroado, ou ben que sexan necesarios para o desenvolvemento do Plan anual de actividades.

Artigo 15º

A Fundación terá a facultade de asinar convenios con entidades nacionais, estatais ou internacionais que persigan análogos obxectivos.

CAPÍTULO IV

PATRIMONIO E RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 16º

O capital e o patrimonio da Fundación están integrados por:

a) A dotación inicial de seiscentos euros en moeda española entregada polos seus fundadores. Esta cantidade poderá incrementarse coa dotación sucesiva periódica a cargo do fundador ou de terceiras persoas.

b) Outros bens e dereitos calquera que no sucesivo adquira a Fundación a título oneroso ou gratuíto de entidades públicas ou privadas e de particulares, en especial subvencións, doazóns, herdanzas ou legados. As herdanzas enténdense sempre a beneficio do inventario.

c) A Fundación poderá posuír toda clase de bens, destinando os seus froitos, rendas ou xuros ós seus obxectivos

d) Os bens inmobles deberán inscribirse a nome da Fundación no Rexistro da Propiedade; os demais susceptibles de inscrición deberán inscribirse nos rexistros correspondentes; os fondos públicos e valores mobiliarios, industriais ou mercantís deberán depositarse tamén a nome da Fundación nos establecementos bancarios.

e) O Padroado poderá aceptar herdanzas e legados, pero se pretendese efectuala sen beneficio do inventario ou aqueles tivesen cargas, será necesaria a autorización do Protectorado.

Artigo 17º

O Padroado administrará o capital fundacional, resolvendo sobre o seu investimento, modificación ou conversión dos seus elementos, sen necesidade de autorización ningunha, e dará conta motivada ó Protectorado dos cambios que introduza nos investimentos, sen prexuízo do establecido na Lei 50/2002 e nno Decreto 248/1992, do 18 de xuño.

Artigo 18º

Ó cumprimento dos fins da Fundación destínanse os produtos e rendas do capital e patrimonio desta, as subvencións, doazóns, etc. que reciba de entidades públicas ou privadas, de particulares e os restantes ingresos procedentes de subscricións, publicacións, etc.

Artigo 19º

A Comisión Executiva designará o persoal administrativo indispensable e determinará as súas retribucións.

En ningún caso os gastos xerais ou de administración poderán exceder do 10% dos ingresos anuais ordinarios da Fundación. Non obstante, se por motivos fundados resultar necesario aumentar os devanditos gastos, tras a autorización previa do Protectorado, poderá destinarse unha porcentaxe maior que non excederá do 20%.

CAPÍTULO V

RÉXIME INTERNO

Artigo 20º

O Padroado redactará un Regulamento de Réxime Interno que concrete e desenvolva os preceptos dos presentes Estatutos.

A Fundación remitirá á Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia, antes do día 1 de xullo de cada ano, dous exemplares da liquidación do orzamento ordinario do ano anterior, do balance e da memoria, acompañados dunha certificaciónacreditativa de que tales documentos son fiel reflexo dos libros de contabilidade.

Artigo 21º

Os presupostos de modificación dos presentes Estatutos deberán ser aprobados por maioría de dous terzos do Padroado reunido especialmente para este fin.

Para a súa aprobación final, rexerá o disposto na lexislación vixente.

CAPÍTULO VI

EXTINCIÓN DA FUNDACIÓN

Artigo 22º

Cando se produza a extinción da Fundación por algunha das causas previstas na lei, o Padroado, co voto favorable de dous terzos dos seus membros, destinará o patrimonio da Fundación ós fins que crea convenientes, sempre con suxeición ós preceptos regulamentarios.

Artigo 23º

No caso de que a Fundación non poida continuar o desenvolvemento normal das súas actividades para o logro dos fins propostos, a posesión de todo o seu patrimonio pasará a depender do Sindicato Nacional de CC.00. de Galicia.







Workers of the World é a revista editada pola Asociación Internacional de Folgas e Conflitos Sociais (Strikes and Conflicts International Association), da que é membro fundador e forma parte activa a Rede de Arquivos Históricos de CCOO. Esta revista pretende estimular o estudo do traballo e da conflitividade social dende unha perspectiva global e a longo prazo, transcendendo os enfoque nacionais ou conxunturais e adoptando, aí mesmo, un enfoque crítico e multidisciplinar.

© 2019 Fundación 10 de Marzo Vía Edison, nº 1 - C Polígono do Tambre 15890 - Santiago - Tfno. 981 574 082 - f10m.sn@galicia.ccoo.es