Memorias de Manolo Barros. Autobiografía dun militante comunista

01/01/2009  

Manuel Barros Montero, Memorias de Manolo Barros. Autobiografía dun militante comunista, Santiago de Compostela, Fundación 10 de Marzo-Colectivo Republicano de Redondela, 2006, 231 pp. 18 euros. Edición ao coidado de Gonzalo Amoedo López. Limiar de Xesús Alonso Montero. Marzo de 2006.

Presentación do libro

MEMORIAS DE MANOLO BARROS.
AUTOBIOGRAFÍA DUN MILITANTE COMUNISTA

O 16 de abril de 2006, ás dez da mañá, saía do peirao de Cesantes, cara á illa de San Simón, un catamarán ateigado de xentes que portaban por emblema a bandeira tricolor da República. Ata tres veces houbo de ir o barco ao peirao, na procura daquela riada humana. Tratábase da singradura que daba inicio á presentación do libro de memorias de Manuel Barros Montero, un vello comunista redondelán preso en San Simón durante a guerra civil. Na illa agardaba á chegada dos viaxeiros o son das gaitas dos do Tamboril Furado entoando os acordes do Himno de Riego.

Despois de lles dar tempo aos viaxeiros a percorreren a illa de San Simón e mais a de Santo Antón, principiou o acto central no edificio multiusos, presidido polas bandeiras galega e republicana, símbolos do Colectivo Republicano de Redondela, convocador do acto, e nunha mesa presidencial, mesmo por diante de onde se sentaría o homenaxeado, outra bandeira vermella coa fouce e o martelo.

Co homenaxeado sentaron o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, en representación da Consellaría de Cultura; o secretario xeral do Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia, Xan María Castro, representando á Fundación 10 de Marzo (a editora), e o profesor Xesús Alonso Montero, prologuista do libro.

De fronte, que non enfrontadas, máis de trescentas persoas agardaban as palabras de todos eles, pero moi especialmente as do autor que, no medio da emoción que o embargaba, non renunciou a dirixirse á moita mocidade presente para recomendarlle que se organicen e loiten polo seu futuro.

Eran as palabras acendidas dun home que leva setenta anos de militancia comunista e que, aos seus oitenta e cinco anos, aínda segue a crer cegamente que a xuventude pode mover o mundo.

Pero o acto aínda depararía varias sorpresas máis: primeiro as palabras do guerrilleiro Quico; despois a lectura dun comunicado do consulado cubano, felicitando o homenaxeado, un home bo e xeneroso.

Logo dos acordes da Internacional e o Himno Galego , que foron seguidos en pé polos asistentes, iniciouse unha comitiva que rematou no cemiterio de santo Antón, onde se depositaron as cinzas doutro vello republicano que estivera preso en San Simón.

De volta a terra firme, aportamos todos ao peirao de Cesantes. Manolo Barros, o militante comunista de Redondela, xa era algo máis ca un home, era todo un referente para unha xeración que precisa buscar na historia as súas raíces.


Gonzalo Amoedo







Workers of the World é a revista editada pola Asociación Internacional de Folgas e Conflitos Sociais (Strikes and Conflicts International Association), da que é membro fundador e forma parte activa a Rede de Arquivos Históricos de CCOO. Esta revista pretende estimular o estudo do traballo e da conflitividade social dende unha perspectiva global e a longo prazo, transcendendo os enfoque nacionais ou conxunturais e adoptando, aí mesmo, un enfoque crítico e multidisciplinar.

© 2019 Fundación 10 de Marzo Vía Edison, nº 1 - C Polígono do Tambre 15890 - Santiago - Tfno. 981 574 082 - f10m.sn@galicia.ccoo.es