O arquivo histórico

Fondos persoais

Pódese consultar o fondo persoal de Santiago Álvarez no seguinte pdf. Santiago Álvarez

Materiais especiais e fondos iconográficos

Continúa a recollida de documentación diversa que incrementa as novas coleccións de materiais iconográficos: fotografías, carteis, adhesivos, bandeiras, pins. Neste apartado podemos incluír a existencia dun importante fondo de fontes orais.

Fontes orais

Froito das investigacións levadas a cabo desde a Fundación 10 de Marzo, comeza a existir un fondo de fontes orais que recolle, fundamentalmente, o testemuño da actividade sindical e política de persoas relacionadas co nacemento e desenvolvemento das Comisións Obreiras de Galicia e coa oposición política e social ao franquismo.
As gravacións  corresponden a: Roberto Alonso Ucha, David Álvarez Carballido, Julio Aneiros, Juan Bacariza, Carlos Barros, Francisco Comesaña Rendo, Francisco Lores Santacecilia, Nicasio Mourón, Camilo Nogueira, Carlos Núñez, Margarita Rodríguez Montes, Waldino Varela, Enrique Veira.
Existen tamén outras gravacións relacionadas con organizacións políticas ou sindicais, como reunións do Comité Central do Partido Comunista de Galicia ou da Executiva do S. N. de CCOO de Galicia.

Arquivo fotográfico

A colección fotográfica do Arquivo Histórico comeza a ser moi importante. O conxunto de imaxes custodiadas (aínda sen catalogar) constitúe un testemuño gráfico de moito interese para recuperar e manter viva a memoria histórica dos diferentes aspectos do sindicalismo na Galicia contemporánea. Particularmente interesantes son as instantáneas que recollen as etapas da recuperación organizativa do sindicalismo en torno ás Comisións Obreiras; as asambleas, manifestacións e conflitos laborais durante o franquismo; a conflitividade sociopolítica durante a transición á democracia.
Outros temas que quedan ilustrados na colección fotográfica son as condicións de traballo en determinadas factorías, as folgas, as eleccións sindicais ou as celebracións do 1º de Maio e do 10 de Marzo.

  • Fondo do arquivo fotográfico da Fundación 10 de Marzo. Contén imaxes das actividades da Fundación, exposicións e premios de fotografía.
  • Fondo fotográfico do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia. Fondo de gran variedade que recolle instantáneas das mobilizacións, das folgas, de reunións e do conxunto das actividades do Sindicato Nacional. Este fondo nútrese coa colección fotográfica de "Galicia Sindical".
  • Fondo fotográfico da Unión Comarcal de CCOO de Ferrol. As fotografías son relevantes, xa que a maior parte delas reflicten acontecementos sociolaborais e políticos da época franquista e da transición política.
  • Fondo fotográfico da Federación do Comercio de CCOO. Estas fotografías recollen algunhas mobilizacións do sector do comercio.
  • Fondo fotográfico ASCON. As imaxes que contén este fondo refírense aos momentos conflitivos da reconversión do sector naval.
  • Fondo fotográfico da Empresa Nacional Bazán de Ferrol. Estas imaxes permiten percorrer os diversos talleres da factoría de Bazán–Ferrol desde os comezos de século.
  • Legado fotográfico de Enrique Veira (A Coruña). Basicamente, este fondo recolle imaxes do primeiro proceso congresual do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia.
  • Legado fotográfico de Ángel Barcia (Madrid). É unha colección formada por escenas da Guerra Civil española.
  • Legado fotográfico de Federico Ordax. As fotografías refírense ao movemento estudantil dos anos sesenta en Santiago de Compostela.
  • Legado fotográfico de Arturo Reguera. A colección recolle aspectos propagandísticos da oposición á construción do encoro de Castrelo de Miño.
  • Legado fotográfico de Abel López Rodríguez. Este legado proporciona as únicas imaxes coñecidas ata o de agora das manifestacións relacionadas co conflito da Bazán de Ferrol durante o mes de marzo de 1972.
  • Legado fotográfico de Xan Ramírez. Fotografías tiradas nas mobilizacións na empresa Bazán.
  • Legado fotográfico de Waldino Varela. Imaxes de asembleas e reunións de CCOO na transición.
  • Legado fotográfico da Sección Sindical de CCOO de Bazán. Fotografías relacionadas coas mobilizacións nesa empresa.

Colección videográfica

Outra sección que está comezando a organizarse dentro do Arquivo é a que corresponde ao soporte audiovisual. Estes materiais aínda son escasos e refírense a curtametraxes editadas, a maioría delas, en formato de vídeo. Recollen conflitos laborais concretos, as condicións de traballo nalgúns sectores industriais ou a historia do movemento obreiro. Moitos deles foron producidos por diversas organizacións de CCOO de Galicia ou da Confederación Sindical.
Dispoñemos tamén dunha cinta orixinal sobre a España dos anos sesenta, rodada por un equipo de cineastas do Partido Comunista Italiano ("Spagna 1968").

Carteis

Os carteis proceden de organizacións sindicais e políticas, de movementos sociais, de institucións. A temática é moi diversa, así como os autores e deseñadores. Moitos reflicten o mundo do traballo nos seus diferentes aspectos: condicións de traballo, reivindicacións laborais, conflitos e mobilizacións, celebracións, congresos, actividades culturais, etc. Existen aproximadamente unhas oitocentas pezas e as súas datas extremas van desde 1947 ata os nosos días.

Materias especiais

O Arquivo Histórico da Fundación 10 de Marzo conserva outro tipo de materiais achegados por persoas ou institucións, como poden ser adhesivos e obxectos diversos.
A colección de adhesivos abrangue a mesma temática que os carteis. Contén pezas datadas entre 1976 e os nosos días.
Finalmente, a Fundación posúe unha serie de obxectos relacionados coa impresión e difusión da prensa clandestina e panfletos (vietnamitas, multicopistas, carteiras de dobre fondo, etc.), chapas, carnés, bandeiras, pins, etc.

Consulta dos fondos

Para consultar calquer tipo de documentación pertencente ao Arquivo da Fundación 10 de Marzo deben solicitalo ao seguinte e-mail: f10m.sn@galicia.ccoo.es

© 2012 Fundación 10 de Marzo Vía Edison, nº 1 - C Polígono do Tambre 15890 - Santiago - Tfno. 981 574 082 - f10m.sn@galicia.ccoo.es