VI
Era inverno cruel de chumbo e morte
no corazón daquelas que esqueceran
a verdade dos que ían polas rúas.
Era inverno, mentira e traidoría.
Era inverno cruel e asasinato,
esp´rito de ira angosta e cativeiro,
defecación sanguenta, rosa negra,
escumallo de cólera non xusta.
Era inverno cruel e noite pecha,
estridentes balazos homicidas,
asolación de botas insolentes,
asoballo bestial incontrolado.
Era inverno cruel e metralleta,
pistola criminal devastadora,
dedogatillo, furia desbocada.
Era inverno cruel e frío e morte.
I
Altos os corazóns e camiñaban
por vieiros sonámbulos e esperan
coma esguíos piñeiros arelantes,
altos os corazóns coma bandeiras.
Altos os corazóns coma luceiros.
O pobo coma un río sen ribeiras,
o pobo coma un río ilimitado.
Alcipreses de noite mariñeira.
Altos os corazóns igual ca mastros
e un gancho agonizar por sementeira,
e camiñando impávidos na noite
procurando crepúsculos que amenzan.
Altos os corazóns igual ca un pobo
en luz de rebeldía e noite acesa,
igual ca un mar colérico abalando.
Altos os corazóns coma bandeiras.
En desde 1936. Homenaxe da poesía e da plástica galega aos que loitaron pola liberdade.
Los obreros de Bazán
piden a gritos justicia
y la represión les contesta
con el crimen de galicia
a instancias de los obreros
les hablo el director
y en verdad parecian
palabras de dictador
de todo lo que alli pedian
nada era criminal
pues solamente pedian
un convenio provincial
los obreros de bazan
se agruparon en el dique
y fueron desalojados
por las ordenes de un cacique
los obreros de ferrol
conocen la represion
fueron heridos y muertos
y llevados a prision
Pintáronno de gris e ven o día
vestido de croiazos:
ao lonxe ladra un can.
Luz xorda de ambulancias
-nesta beira da ponte
despénase a mañá-.
O sol de incerta sombra
vai pondo un tableteo tráxico no mar.
Majadahonda, Setembro do 91.
CANDO a Primaveira era promesa
e a esperanza se abría cara á luz,
e o pobo pedía o que era seu
o pan e a liberdade
que os tiranos lle rouban,
caeu Amador Rei, home sinxelo
e loitador, carballo de Galicia
que deixou catro renovos, catro
ponlas con follas ben sonoras
ás que o vento arrancara novas
cancións de amor e liberdade.
¡Caeron Amador Rei e Daniel Niebla
baixo o odio das balas asesiñas,
baixo o furor das metralletas
cargadas de sinrazón e de inxusticia,
armadas polos explotadores,
disparadas polos cás da tiranía
e manexadas polos gardas do nazismo!
O sangue dos obreiros da Galicia,
unha vez máis, bordou unha bandeira
vermella e popular no cemento das rúas
do heroico Ferrol de Pablo Iglesias.
Chegará a xusticia. Está a chegar
a xusticia e a redención para Galicia,
o tempo de xuzgar ós asasinos,
aos que disparan ao pobo desarmado,
de pedir contas
ós que ametrallan ao pobo sen defensa.
Está a chegar o día de vengar
o asasinato de Amador Rei, de Daniel
Niebla e no que o pobo sexa
o único señor do seu destino.
Hai que loitar, irmáns e compañeiros,
para traer a luz, a liberdade,
a Primaveira.
Monforte, Marzo de 1972
Xohán Esteiro López (Manuel María)
1972
A Amador Rei Rodríguez
e Daniel Niebla García
Ferrol / Mañá
10 de Marzo do 72
Erguéstevos cedo aquel día
/ o costume do traballo /
mañá cediño pra facernos ca vosa morte.
Daniel e Amador, fermosos nomes,
graíñas dunha espiga xenerosa,
deixáchedes de ser na esencia vosa
pra estardes sobre as lágrimas dos homes.
As balas que ceifaron a seara
das vosa mans de mar, traballadoras,
levámolas vermellas e sonoras
en cicatriz cruel na nosa cara
Erades coma uns máis contra a inxustiza
e o fado reservouvos o destino
de serdes un xermolo pra Galiza.
Agora os vosos nomes son o sino
que cantar por enriba da cobiza
e xorden dentro nosa coma un hino.
Amador Rey Rodríguez
Venres, 10 de Marzo de 1972
Pola rúa camiñan afoutos,
son os homes do pobo que fai o traballo.
Piden pan para
os seus fillos,
nada poden temer.
Eles, tiñan ouvido dos pais moitas cousas
do rexime nazi-fascista
que nascera da morte e do medo.
Dunha guerra feroz que fixeran os grandes
para manter a opresión dos pequenos,
co exército, a eirexa e as dereitas,
coma vermes do capitalismo.
Mais agora xa iso non pode ser.
Trinta e seis anos son moitos anos.
E tamén xa o mundo cambiou.
Nos queremos ser tidos por homes
e poder darlle ós fillos
o que outros lle dan.
Pero, ¡ai! , ¡malpocadiños!
Diante deles estaban,
coma lobos famentos,
os verdugos do pobo galego,
sempre á espera, de encher o seu ventre asasino
co sangue de irmáns.
¡E tiraron a dar! (corazóns de sicario no peito).
E caíches, Amador Rey Rodríguez,
dun disparo asasino no teu corazón.
Un galego caíu polo pobo;
por uns, polos outros,
¡e por eles tamén!
Natural de Trasancos, de trinta oito anos,
con muller e catro filliños,
enterrado con chuvia e con medo
no cimeterio de Catabois.
Amador Rey Rodríguez,
¡lembrarémoste sempre!
¡ti quedarás para sempre con nós!
Vigo, 12 de Marzo de 1072
En Evaristo de Sela versos de preso e outras rimas (da guerra civil ó 1975).
Ediciós do Castro. Sada, 2007.
Obreiros, campesiños, mariñeiros do mar:
mirádeos que están mortos, desangados no chan.
Mirádeos desgonzados sin armas ó carón.
Mortos pola metralla que pagou o patrón.
Pasean os bandidos coas pistolas ó cinto
impoñendo o silencio que instaurou o caudillo.
¡Ferrol de Pablo Iglesias, de novo asesiñado!
¡No chan do noso líder os esbirros de Franco!
Policías vesánicos, gardacivís incívicos;
patrullando o silencio do Ferrol do Caudillo.
Arden berros de espanto nas casas do Ferrol.
¡Compañeiro Daniel, compañeiro Amador!
Asasinos furiosos tiraron contra a xente
Amador e Daniel feridos mortalmente.
Un día de marzal do ano setenta e dous
sangue de homes do pobo no Ferrol escoou.
Abre os ollos e mira, pobo traballador:
cans doentes mataron a Daniel e Amador.
Obreiros, campesiños, mariñeiros do mar:
lembrade ós homes mortos un día de marzal.
¡O sangue derramado, que sexa froitidor!
Ferrol de Pablo Iglesias, ¡VIVA A REVOLUCIÓN!
Galiza, Marzo 1974
Daniel Méndez (Darío Xohán Cabana)
Fundación 10 de Marzo
Vía Edison, n° 1 - C
Polígono do Tambre 15890
Santiago de Compostela